A alcaldesa destaca que “é un gran paso para a posta en valor da zona e para a rexeneración da Tinería, chamada a ser un dos grandes reclamos do centro histórico”.
O acordo co Instituto Galego de Vivenda e Solo establece o desenvolvemento urbanístico que rodea ao inmoble, así como a recuperación e construcción de novas edificacións.
O Goberno local adquirirá os terreos e edificacións da UI-8 para cederllos ao IGVS, co obxectivo de promover o desenvolvemento desta zona e contribuír ao auxe do barrio.

O Concello de Lugo e o Instituto Galego de Vivenda e Solo asinarán mañá o convenio para a recuperación e posta en valor do Pazo de Dona Urraca e a mellora da ordenación da UI-8, unha vez que foi ratificado pola Xunta do Goberno Local do pasado día 17 de xullo. A alcaldesa, Paula Alvarellos, destaca que “se trata dun gran paso para a rexeneración e recuperación da Tinería, un barrio que está chamado a ser un dos grandes reclamos do noso centro histórico”.
O acordo entre o Goberno local e o IGVS establece o desenvolvemento urbanístico que rodea ao Pazo de Dona Urraca e a recuperación deste inmoble, así como doutras edificacións situadas na zona. Os termos do acordo, que non se modifica en relación ao borrador xa acordado entre ambas as dúas administracións en novembro de 2020, inclúe, como compromisos do organismo dependente da Xunta, a redacción e solicitude dos proxectos das obras de demolición, rehabilitación e nova construción das edificacións que se inclúen no espazo da actuación, así como a urbanización da mesma na súa totalidade. Ademais formulará e executará o proxecto de escavación arqueolóxica, que deberá levarse a cabo como paso previo a calquera outra actuación e que quedará ao disposto das determinacións de Patrimonio.
Pola súa banda, o Concello acadará a titularidade de varias edificacións para que se incorporen ao resto de soares da unidade UI8 que xa son titularidade do IGVS co fin de favorecer un mellor desenvolvemento da zona. Así mesmo, a Administración local comprométese a tramitar os documentos urbanísticos precisos para facer viable a actuación e o proxecto de urbanización do ámbito así como tramitar e conceder as licenzas de edificación e axilizar en todo o posible os prazos de tramitación. A cambio, o retorno do investimento local e dos dereitos de edificabilidade que lle corresponden ao Concello, por tratarse dunha actuación en solo urbano non consolidado, será a entrega, en baixos comerciais, dunha superficie equivalente ao 10% da edificabilidade de uso residencial que se materialice.
A sinatura deste convenio é para Paula Alvarellos “o último paso antes de comezar a recuperación desta unidade de actuación, algo no que levamos varios meses traballando. O propio pazo e a súa contorna son pezas fundamentais dun barrio que atesoura unha gran riqueza patrimonial, polo que a súa rehabilitación foi unha prioridade desde a miña chegada á Alcaldía. O noso obxectivo é poñer en valor esta zona do centro histórico para completar así a súa rexeneración social e económica e garantir a súa conservación patrimonial, o que dará continuidade ao traballo levado a cabo polo Goberno local na propia Tinería pero tamén noutras zonas próximas como é o barrio do Carme”.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre o convenio co Pazo de Dona Urraca | Descargar mp3


