O Concello de Lugo alerta de que a Xunta non paralizou as vivendas sociais no Castiñeiro nin avanzou as de nova construción noutras zonas

A Alcaldesa de Lugo lembra que existe un acordo plenario aprobado por unanimidade de toda a Corporación, e urxe a avanzar tamén na edificación de pisos públicos noutras áreas.

Lara Méndez téndelle a man á consellería para valorar, conxuntamente coa veciñanza, novas dotacións públicas no barrio onde pode levantar xa unha gardería ou centro de maiores.

O goberno galego leva 15 anos sen dotar a Lugo de VPO cando o rexistro de solicitantes é superior ás 1.350 persoas, triplicando incluso a cidades semellantes como Ourense.

Sábado, 15 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo alerta de que a Xunta non paralizou as vivendas sociais no Castiñeiro nin avanzou as de nova construción noutras zonas

O Concello de Lugo amosou a súa preocupación porque a Xunta de Galicia segue sen dar cumprimento ao acordo plenario unánime da Corporación aprobado o mes pasado para paralizar oficialmente a execución de 58 vivendas sociais no barrio do Castiñeiro, xa que no perfil de contratación do Goberno galego a obra está tan só pendente de adxudicar o servizo de redacción de proxecto e dirección de obra para a construción.

A alcaldesa lembrou que o Concello de Lugo remitiu, a comezos de mes, o acordo plenario á consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no que se lle insta, a petición da veciñanza de O Castiñeiro, a que, de maneira inmediata, paralizase oficialmente a licitación porque é a zona máis sobresaturada deste tipo de pisos na cidade. “Pero segue en marcha o que amosa a falta de vontade política, dispoñendo a administración autonómica de máis terreos na cidade onde executalas”, incidiu.

No acordo tamén se instaba a solicitar á Administración Local a modificación do PXOM para limitar o uso residencial das súas parcelas, mantendo o resto dos usos previstos para as mesmas no Plan Xeral, “porque así tamén o pediron os veciños”.

En todo caso –apuntou a rexedora– o Concello segue a ter a man tendida para sentarse coa responsable da Consellería co fin de que rectifique e estude as demandas reais que traslada a veciñanza do Castiñeiro, podendo executar nas súas parcelas, porque o permite xa o planeamento urbanístico, diferentes dotacións como unha gardería, un centro de día ou un centro de maiores, servizos reclamados polos veciños e veciñas e que son da súa competencia. Neste senso, a rexedora lembra que o Concello acaba de abrir un novo centro social multiusos nese barrio, unha pista deportiva e está coa contratación do parque infantil, así como no avance da mellora de diversas rúas, “e seguimos traballando en novos proxectos”.

No acordo plenario tamén se instaba a Xunta a executar as vivendas de protección oficial previstas na primeira localización estudada, en Garabolos. Cómpre subliñar que o goberno galego leva 15 anos sen dotar a Lugo de VPO cando o rexistro de solicitantes é superior ás 1.350 persoas, (o que supón o 57% dos inscritos en toda a provincia) triplicando a cidades semellantes como Ourense. O último edificio construído pola Xunta de Galicia destinado a vivenda pública para axudar ás persoas con menos recursos levantouse na avenida Paulo Fabio Máximo no ano 2008.

Multimedia

  • O Concello de Lugo alerta de que a Xunta non paralizou as vivendas sociais no Castiñeiro nin avanzou as de nova construción noutras zonas

Noticias relacionadas