O Concello de Lugo abre o procedemento de adxudicación da xestión do servizo público municipal do Centro de Día Antonio Gandoy

Mércores, 22 de xullo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo abriu recentemente un novo centro de Convivencia, o Maruja Mallo, no que se encadra o centro de día Antonio Gandoy. Trátase dun equipamento adscrito a Área de Muller e Benestar social do Concello de Lugo que na actualidade ven prestando os servizos de atención a persoas maiores e que ten o obxectivo de apoiar ás familias que atenden ós maiores.

Tal e como explicou o Voceiro do Equipo de Goberno, José Rábade, a Xunta de Goberno aprobou esta mañá a apertura do procedemento de adxudicación da xestión do servizo público de titularidade municipal do centro de día, así como da subministración de comidas a dito centro social.

Esta xestión concrétase na prestación dos seguintes servizos:

Módulo de prestacións sociais.
Módulo de atención xeriátrica-rehabilitadora e social
Módulo de atención á saúde psicofísica.
Módulo de socialización e participación.

Ademais inclúe o servizo de transporte, que consistirá no traslado dos usuarios dende o domicilio ao centro de día e dende o centro de día ao domicilio. O transporte realizarase todos os días que o centro estea aberto, cun número de vehículos de transporte que sexa suficiente para tódolos usuarios, realizando as viaxes necesarias para que estes estean no Centro nos horarios establecidos, dende as 8.00 horas ata as 10.15 como máximo ( hora de entrada) e dende as 19.30 ata as 20.30 (hora de saída) agás os domingos nos que a hora de entrada será como máximo ás 12.00 horas ás 18.00 horas (hora saída).

Con estes servizos o equipo de Goberno pretende acadar os seguintes obxectivos: previr a progresión das situacións de deterioro físico e psíquico, conservar e recuperar a autonomía persoal, manter os maiores no seu medio habitual de vida, apoiar ás familias que atenden ós seus maiores, previr situacións de crise individual ou familiar prestando apoio persoal e social.

Por outra banda, abriuse tamén o proceso de contratación do subministro de comida ao centro de día. Serviranse tres comidas preparadas (almorzo, comida e merenda), ditos menús deberán ser supervisados por un dietista, cun aporte calórico e dietético axeitado, e garantindo en todo momento as garantías hixiénicas que contempla a lexislación vixente.

O orzamento para este servizo será dun máximo de 374.427 euros para o servizo de xestión do centro e de 108.048 euros o subministro de comidas ( a 5,61 euros o menú).

Convenio mutua
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a apertura do procedemento de licitación para a subscrición dun convenio de asociación cunha mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais. Rábade explicou que o contrato actual do Concello de Lugo coa mutua FREMAP remata a súa vixencia, sen posibilidade de prórroga, o vindeiro día 1 de setembro de 2009, polo que é necesario a subscrición deste novo convenio.

A duración da asociación será de dous anos e poderá ser obxecto de prórroga por períodos anuais sen que a duración total do convenio -incluídas as prórrogas- poida exceder de catro anos. O prezo máximo para a prestación do servizo é o establecido para a cotización deste tipo de continxencias na Disposición Final Décimoterceira da Lei 2/2008 de 23 de decembro de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2009.

Limpeza
O Voceiro Municipal anunciou que o Concello aprobou tamén o contrato do servizo de limpeza e desinfección de depósito de almacenamento de auga de consumo humano. A este concurso presentáronse tres empresas e foi adxudicada provisionalmente á mercantil Fernández y López Rebobinados y Automatismos, SL, por un importe total de 21.924 euros.

Ademais a Xunta de Goberno Local aprobou un total de 11 licenzas de obra.

Multimedia

Noticias relacionadas