O Concello de Lugo abordará a revisión do sistema ORA e a ampliación das zonas peonís no centro da cidade

Luns, 11 de febreiro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, informou sobre os asuntos tratados na reunión extraordinaria mantida pola Comisión Permanente Ordinaria de Asuntos e Servizos Xerais este venres, 8 de febreiro.

José Rábade explicou que na xuntanza foron tratados tres temas fundamentais para a ordeación do tráfico da cidade como son a situación do transporte público, a circulación no centro histórico e a revisión do sistema ORA.

O edil explicou ante o constante aumento do parque automobilístico na cidade faise necesario adoptar medidas que fagan compatible a protección do mediambiente, a mobilidade dos peóns e o tráfico de vehículos. Un dos temas que máis preocupan ao goberno municipal é a ordeación do tráfico urbán na zona do centro polo que vaise continuar coas fases de peonalización en distintas rúas do centro, sobre todo despois de ser comprobado polo Gabinete de Tráfico que moitos condutores empregan rúas céntricas como vías de circulación, pero sin un destino final dentro da Muralla.

O Concello de Lugo rematará proximamente a primeira fase de control de accesos coa instalación de bolardos mecánicos na Porta Miña, con saída pola Ruanova cara a Bolaño Rivadeneira. Ademais, facilitará aos residentes e aos comerciais os cartóns correspondentes, do mesmo xeito que o resto das zonas que dispón deste servizo.

Unha vez finalizada, abordarase a segunda fase de peonalización mediante a instalación dos bolardos automáticos nas rúas Amor Meilán, San Froilán e Rúa Nova.

José Rábade destacou que unha das medidas máis ambiciosas será “peonalizar a Vía Romana e a Praza do Ferrol, restrinxindo o acceso aos residentes, aos usuarios de organismos oficiais que poidan verse afectados“.

A peonalización do centro ampliarase tamén a rúa San Marcos na que se aplicará un sistema de peonalización brando xa que se manterá o acceso ao transporte público, a residentes e aos servizos de urxencia. Unha das medidas que se estudarán será a de elevar o pavimento a nivel do bordo, en toda a súa lonxitude, evitando desta forma os pasos elevados. Esta medida reduciría a entrada de vehículos ao interior do recinto amurallado pola rúa Teatro.

A medio prazo, José Rábade explicou que se contempla a peonalización do resto das rúas do interior do recinto histórico, cuxa proposta xa foi incluída dentro do PLAN URBAN. Neste proxecto incluiríanse as seguintes rúas:
- Ramón e Cajal, Montevideo, Bolaño Rivadeneira e San Fernando;
- e Quiroga Ballesteros, Praza de Santo Domingo, rúa do Teatro e Anxel Fole.

Revisión do sistema ORA

Rábade recordou que o vindeiro mes de xullo vence o convenio do sistema ORA e o Concello xa ten previsto comezar un estudo para revisar posibles modificacións para a redacción do novo pliego de condicións para a futura adxudicación. O edil explicou que se introducirán variantes na distribución das prazas de zona ORA e se instalarán novas máquinas expendedoras adaptadas á Tarxeta Cidadá.

Unha das medidas máis importantes que se vai estudiar é a retirada das prazas de aparcadoiro das marxes izquierdas na avenida de Ramón Ferreiro, en ambos sentidos.

Na reunión plantexouse a ampliar o sistema ORA ás seguintes rúas:
-Mariña Española e Cambria
-Castelao, Ruiz de Alda e Monforte
-Avenida da Coruña, desde Otero Pedrayo ata Perpetuo Socorro
-Concepción Arenal

Ademais, para mellorar o resultado do servizo, establecerase un control estrito dos estacionamentos, axustándose á ordenanza, de maneira que se fomente a rotación dos vehículos dunha zona a outra, ofrecendo desta forma a posibilidade de estacionamento a outros usuarios, e sempre será máis rendible.
Como solución para os residentes estudarase crear zonas verdes de residentes naquelas zonas máis necesitadas de aparcadoiro.

Estudo de Mobilidade Urbana

Respecto á situación do transporte público e as medidas previstas o edil lembrou que o Concello vai elaborar un Estudo de Mobilidade Urbana encargado á Agencia de Ecología Urbana de Barcelona “que conta cos técnicos máis prestixiosos e preparados nesta materia e que, ademais de colaborar anteriormente co Concello de Lugo na elaboración da Axenda 21, está a realizar estudos similares en Ourense e Ferrol”.

Este estudo servirá para establecer as principais medidas a adoptar para mellorar o transporte público da cidade “que xa conta cos mellores medios, pero hai que acabar de fomentar o seu uso entre os cidadáns”.

Noticias relacionadas