O Concello cumpre “unha reivindicación histórica” coa ampliación do aparcamento exterior do HULA, que gañou 130 prazas gratuítas

A Alcaldesa, os edís de Infraestruturas e Medio Rural, e veciños do municipio supervisaron a execución do proxecto de reorganización da mobilidade no entorno do hospital, que agora conta con preto de 500 prazas de estacionamento 

Lara Méndez avanzou que, coa aprobación dos orzamentos, o Concello seguirá impulsando os traballos para habilitar como aparcamento unha parcela municipal situada en fronte do complexo

A entidade local seguirá reivindicando a gratuidade do parking interior e, mentres tanto, a rebaixa das tarifas nun 50%, “porque non se pode gravar aos pacientes e aos familiares cuns custes elevadísimos”

Venres, 27 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello cumpre “unha reivindicación histórica” coa ampliación do aparcamento exterior do HULA, que gañou 130 prazas gratuítas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto aos Concelleiros de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e Medio Rural, Miguel Fernández, e unha vintena de directivos e membros de asociacións veciñais do municipio, supervisaron este venres a execución do proxecto acometido polo Concello para reorganizar a mobilidade no entorno do HULA, unhas actuacións coas que o exterior do complexo hospitalario gañou 130 prazas de aparcamento, pasando a contar cun total de preto de 500 espazos gratuítos para estacionar (393 en diagonal, 53 en liña e 8 para persoas con mobilidade reducida).

O proxecto, dotado con 17.000 euros, consistiu no cambio da sinalización do aparcamento da estrada que rodea o hospital, que pasou a ser na súa maioría de lineal a diagonal, co que agora quedan dous carrís amplos de circulación.

A Alcaldesa subliñou que con estes traballos “cumprimos unha reivindicación veciñal histórica que mellora substancialmente todo o entorno dun servizo hospitalario tan necesario e tan demandado, non só polos cidadáns de Lugo senón de toda a provincia”.

Gratuidade

Lara Méndez asegurou que o Concello seguirá reivindicando “ante unha administración xorda con Lugo, como é a Xunta de Galicia, a gratuidade do parking interior, porque, a pesar de que gañamos prazas, seguen sendo insuficientes, e mentres isto non sexa posible, a redución das tarifas ao 50%, pois están moi por encima dos prezos doutros hospitais. Lugo, coma sempre, na cola do vagón”.

Así mesmo, a rexedora avanzou que o Concello seguirá dotando de máis espazo de aparcamento no exterior do HULA coa condicionamento da parcela de titularidade municipal existente en fronte das instalacións. “Agora cos orzamentos aprobados, seguiremos impulsado esta medida. Xa no mes de febreiro levamos a cabo o desbroce e, respectando o patrimonio alí atopado, a mámoa, crearemos un novo espazo para que os veciños e veciñas de Lugo teñan un fácil acceso ao hospital, xa que todos  somos, fomos ou seremos usuarios do HULA, e non se pode gravar aos pacientes e aos familiares cuns custes elevadísimos”.

Pola súa banda, o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas confía en que “o incremento das prazas que conseguimos dea resposta e palíe na medida do posible as dificultades de aparcamento que teñen os cidadáns no entorno deste complexo hospitalario”.

Núñez agarda así mesmo que, “en cumprimento do acordo plenario acadado polos seis grupos políticos con representación no Concello, a Xunta e o PP teñan a suficiente sensibilidade como para abaratar e incluso establecer a gratuidade total do aparcamento interior”, pois xa no seu momento os terreos do HULA “foron costeados pola totalidade dos cidadáns”, co que, “no fondo, o que están facendo é un repago de algo que xa financiaron no seu momento”.

Expediente de adxudicación do parking interior

O presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo valorou positivamente a creación das novas prazas e que “dende o primeiro se contara con nós, se nos chamara para pulsar a nosa opinión”. “Algún dicía que isto era fume. Agora deberían dicir que hoxe vemos aquí como os lucenses teñen 130 oportunidades máis de aparcar”.

Vázquez insistiu “no que vai ser unha das nosas grandes reivindicacións, pois rexistramos hai pouco unha solicitude de todo o expediente de adxudicación do parking interior. Queremos saber como por 50.000 euros e por coidar e regar catro plantas se pode ter subxugados a 250.000 lucenses; é unha educación difícil de explicar”.

A federación veciñal espera tamén explicación dos motivos polos que “na primeira hora non se paga no Álvaro Cunqueiro de Vigo e aquí si. Debe ser que os vigueses son cidadáns de primeira e alguén entendeu que nós somos cidadáns, non de segunda, senón de terceira”. “Pedimos o mesmo trato que os cidadáns de Vigo”, subliñou Vázquez.

“É asombroso ver como as persoas que nos diriximos ao hospital temos que estar pagando tarifas escandalosas que non benefician máis que a algúns particulares e concretos persoeiros ou empresas. É algo incualificable; non se pode facer este tipo de negocios coa sanidade e coa saúde dos lucenses, como non se nos pode discriminar”, afirmou o presidente da federación.

Noticias relacionadas