O Concello convocará un concurso de ideas entre profesionais para deseñar a cuberta de Quiroga Ballesteros

A Alcaldesa informou tamén na xuntanza que mantivo hoxe cos voceiros de que está finalizado proxecto de expropiación para eliminar o tapón urbanístico da Avenida da Coruña

Venres, 29 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este venres no Salón de Comisións unha nova xuntanza cos portavoces co fin de explicarlles os avances na tramitación dos proxectos incluídos nas modificacións de crédito por valor de 6 millóns de euros, cumprindo así co compromiso que lles manifestara aos grupos políticos municipais. Entre outras cuestións, Méndez informounos de que xa está redactada e en fiscalización a proposta de gasto para convocar un concurso de ideas entre profesionais para deseñar a cuberta da rúa Quiroga Ballesteros, un proxecto innovador co que o Goberno busca converter esta vía, entre Bolaño Rivadeneira e Santo Domingo, nun centro neurálxico da cidade, aproveitando ademais a vida e actividade da praza de abastos e o mercado, e do conxunto do casco histórico.

A cuberta de Quiroga Ballesteros forma parte do proxecto de peonalización e humanización da rúa incluído nas modificacións de crédito, cun orzamento total de 1,1 millóns de euros.

A Alcaldesa tamén informou á oposición de que está finalizada a primeira parte da encomenda de xestión a Evislusa, relativa á elaboración do proxecto de expropiación, para eliminar o tapón urbanístico da Avenida da Coruña, e agora queda a redacción do proxecto de urbanización para elevar seguidamente ambos expediente á Xunta de Goberno.

Outros dos asuntos destacados dos que Lara Méndez informou aos grupos políticos foron os aparcamentos disuasorios, cuxo proxecto xa está encargado e en prazo para recibilo, ao igual que o aparcadoiro do HULA; a peonalización do entorno da praza da Milagrosa, cuxa proposta de gasto para a elaboración do proxecto técnico está redactada e pendente de fiscalización; e instalación dunha rede de calor de biomasa nas instalacións de Frigsa, e no servizo de Contratación para licitar.

A rexedora explicou tamén que se firmará e formalizará nos vindeiros días o contrato coa empresa adxudicataria da redacción dos estudos de viabilidade e dos proxectos constructivos das cinco primeiras actuacións do EDUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, tras desestimarse na Xunta de Goberno da semana pasada as alegacións aos pregos presentadas por Equo e Adega. Trátase da reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao campo de fútbol, a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme e a descontaminación dos solos deste barrio.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o concurso de ideas entre profesionais | Descargar mp3

Noticias relacionadas