A Xunta de Goberno Local aprobou as bases para a provisión polo sistema de libre designación destes postos
A entidade local selecciona persoal co fin de elaborar unha lista para a cobertura de prazas de condutor-maquinista
Iniciado o procedemento de licitación para a instalación de 11 postos no Macellum durante o Arde Lvcvs e de 7 atraccións ecolóxicas na Praza Horta do Seminario
- Tema
A Xunta de Goberno Local deste mércores aprobou as bases para a provisión, polo sistema de libre designación, dos postos de Secretario/a Xeral do Pleno e de Vicesecretario/a do Concello de Lugo. Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que dita convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado.
Os interesados en optar a estes postos poden presentar as instancias no Rexistro Xeral do Concello durante o prazo de quince días naturais contados dende o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatorio no BOE. As instancias irán acompañadas dunha fotocopia do DNI, o número de rexistro persoal, a situación administrativa na que se atope o solicitante, así como o seu destino, un certificado que acredite o coñecemento de lingua galega e o currículo. Será requisito indispensable ser funcionario da Administración Local con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de secretaría e categoría superior. As bases establecen que a resolución sobre as prazas deberá ditarse no prazo dun mes, unha vez concluído o período fixado de presentación de instancias.
Lista para a cobertura de prazas de condutor-maquinista
Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno aprobou as bases que teñen por obxecto rexer a convocatoria do proceso selectivo co fin de elaborar unha lista para a cobertura interina de prazas de funcionario na categoría de oficial de condutor- maquinista. Tal e como deu a coñecer o voceiro municipal, o anuncio da convocatoria farase público no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. O prazo de presentación de instancias, que se realizarán no Rexistro Xeral do Concello, será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación no BOP.
Instalación de postos e atraccións durante o Arde Lvcvs
O voceiro municipal anunciou que, entre outros asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases técnicas e administrativas que rexerán no procedemento de licitación para a autorización de instalación de postos de venda de mercadorías, na que non está permitida a elaboración de comida, e atraccións infantís ecolóxicas no Arde Lvcvs 2016, prorrogable para o ano 2017 e 2018. Estas bases teñen como obxecto o outorgamento de autorizacións para a instalación de 11 postos de mercadorías no Macellum. Trátase de 11 postos, dun total de 70, que quedaron vacantes doutras licitacións. Este ano o Concello tamén contempla na súa oferta atraccións, realizadas en madeira e de tracción manual, un total de 7, que se instalarán na Praza Horta do Seminario.
Os postos de venda de mercadorías poderán iniciar a montaxe o xoves 16 a partir das 20:00 horas, sendo o seu horario de apertura venres, sábado e domingo, de 11:00 a 14:00 horas, e de 16:00 a 00:00 o venres e sábado, e de 16:00 a 21:30 horas o domingo. Os postos de venda e atraccións estarán instalados o venres 17 de xuño ás 11:00 horas. Tal e como subliñou Fernández, as condicións que se terán en conta na adxudicación, ademais de pagar a taxa por ocupación de vía pública do Concello, será o prezo que oferten os solicitantes.
O Concello publicará un anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, así como no perfil do contratante da web do Concello www.lugo.gal. O prazo de presentación de solicitudes, que será no Rexistro Xeral do Concello, será de 30 días hábiles contados dende a publicación no BOP.
Audio
- Miguel Fernández, sobre as prazas de secretaría e vicesecretaría | Descargar mp3