
O voceiro do Concello de Lugo, Miguel Fernández, informou este mércores dos asuntos abordados na Xunta de Goberno, na que quedou aprobada a concesión de catro licenzas para construír outras tantas naves no polígono industrial das Gándaras por un importe global de 564.000 euros.
A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases para elaboración dunha lista da que o Concello irá chamando aos candidatos e candidatas pola orde de puntuación obtida por cada un deles cando sexa necesaria a contratación laboral temporal para cubrir as necesidades que poidan xurdir na categoría de Oficial Electricista.
Así mesmo, aprobouse a prórroga de dous contratos, o de subministro de material de oficina non inventariable, por un ano e por importe de 7.203,88 euros, e outro de carácter administrativo, correspondente ao servizo de asesoramento e mediación de seguros.