O Concello asumirá o mantemento dos viais e zonas verdes do entorno do futuro centro integral de saúde da Residencia

A Alcaldesa asinou co Conselleiro de Sanidade o convenio de colaboración para a execución do proxecto, co que se cumpre o xa avanzado por Méndez a pasada semana cando afirmou que o acordo estaba para firmar despois de que a Xunta aceptase todas as alegacións municipais

Mentres o Goberno traballa na parte que lle compete do plan de revitalización da Residencia, segue á espera de explicacións cribles sobre a decisión da Xunta de anular pola porta de atrás o trámite imprescindible para dotar á zona dos servizos non sanitarios que prometeu

Venres, 21 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello asumirá o mantemento dos viais e zonas verdes do entorno do futuro centro integral de saúde da Residencia

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron este venres en Santiago de Compostela o convenio de colaboración entre o Concello, Sanidade e o Sergas para a execución do proxecto do centro integral de saúde do barrio da Residencia, que se levantará no edificio do antigo Materno Infantil. Cúmprese deste xeito o avanzado por Méndez, cando a semana pasada afirmou que o acordo estaba xa para firmar, e só quedaba fixar a data, unha vez informado o documento polo servizo municipal de Fomento tras aceptar en agosto a Xunta todas as alegacións que lle fixera a entidade local en maio.

No convenio, o Concello comprométese a asumir o mantemento dos viais e as zonas verdes do entorno do centro de saúde, así como á exención do IBI dos centros sanitarios autonómicos durante catro anos, unha medida que xa está en vigor dende a sinatura do acordo para o equipamento do novo auditorio. Así mesmo, asumirá todos os gastos necesarios para dotar á parcela das infraestruturas precisas, tales como accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica e de gas, alumeado ou telefonía nas condicións precisas, de acordo coa demanda que a execución das actuacións faga necesario.

“Queda de manifesto que dende o Goberno sempre traballamos coa maior axilidade posible na parte que nos compete do proxecto da Residencia. De feito, os servizos técnicos correspondentes están a avaliar o proxecto do centro integral de saúde para conceder a licenza canto antes”, asegurou a Alcaldesa.

Mentres tanto, o Concello e os lucenses seguen esperando unha explicación crible do PP sobre a decisión da Xunta de anular pola porta de atrás e durante a moción de censura a Rajoy a retrocesión á Seguridade Social dos edificios do Vello Xeral e a Escola de Enfermería que previamente solicitara, cando se trata dun trámite imprescindible para poder ampliar os usos do complexo e crear alí os servizos non sanitarios que prometeu: a oficina de emprego, a planta de biomasa, o centro de emprendemento aeronáutico, a residencia da terceira idade, e tamén a comisaría de Policía que anunciou numerosas veces o Partido Popular. A día de hoxe, segundo o Real Decreto do ano 90 a través do que o Estado lle cede á comunidade autónoma o complexo, alí só se permiten usos sanitarios, é dicir, só sería posible o centro integral de saúde.

Os bandazos do PP ao respecto engaden cada vez máis preocupación e incertezas. Se o delegado da Xunta na provincia aseguraba a semana pasada que a retrocesión patrimonial dos inmobles á Tesourería Xeral da Seguridade Social se anularon a petición do Ministerio porque cría convinte facer máis adiante unha retrocesión global, este martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cambiou de versión e dixo que serán os letrados da Seguridade Social os que terán que determinar cal é o mecanismo para ampliar os usos, cando el mesmo asinou hai máis dun ano un protocolo coa entón Ministra de Emprego, Fátima Báñez, especificamente para establecer esa fórmula, a retrocesión.

A día de hoxe, o PP segue sen explicar:

  • Por que anulou pola porta de atrás e en plena moción de censura a Rajoy a retrocesión dos edificios do Vello Xeral e a Escola de Enfermería que previamente solicitara? É dicir, por que incumpre os seus propios acordos e, o que é peor, por que non o explica á cidadanía? Este acordo de anulación do Consello da Xunta, adoptado o 31 de maio, non figura na relación de asuntos que o Goberno galego fixo públicos ese día, o que engade maior gravidade á situación
  • Onde está o documento que demostra que, como dixo o delegado da Xunta na provincia, foi o Ministerio o que pediu a anulación dos acordos de retrocesión? O Concello ten documentación oficial que demostra todas e cada unha das súas afirmacións
  • Se agora, como di Fejóo, son os técnicos da Seguridade Social os que teñen que determinar a fórmula para ampliar os usos do Vello Xeral, con que criterio legal se asinou o protocolo de hai máis dun ano no que se fixaba como fórmula a retrocesión?
  • Cando se van reiniciar os trámites para ampliación dos usos?
  • Que retraso supoñerá a paralización da retrocesión para a execución do proxecto da Residencia?
  • Ten que ver a decisión de levar ao Pazo de Ferias e Congresos o centro de aeronáutica co frenazo do Plan Integral da Residencia?

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o convenio de A Residencia | Descargar mp3

Noticias relacionadas