O Concello artella sinerxias co tecido empresarial para impulsar a través do Life a utilización da madeira como material construtivo

Luns, 19 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello artella sinerxias co tecido empresarial para impulsar a través do Life a utilización da madeira como material construtivo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, e técnicos municipais encargados do desenvolvemento do plan Life do Concello, o Lugo + Biodinámico, visitaron na tarde deste luns as instalacións de Maderas Besteiro, unha iniciativa enmarcada no obxectivo do Goberno local de artellar sinerxias co tecido empresarial do municipio dedicado ao sector da transformación madeireira para impulsar a través deste programa financiado con fondos europeos un novo modelo produtivo baseado na madeira como elemento estrutural de construción. Na visita tamén participou a Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e Manuel Guaita, o director da Plataforma de Madeira Estrutural (PEMADE) do Campus de Lugo, pois tanto a Deputación como a Universidade de Santiago son socias do Concello neste programa. 

Co plan Lugo+Biodinámico, a entidade local sitúase á vangarda da planificación urbana sostible e dun mellor aproveitamento forestal, o que aumentará a calidade de vida da veciñanza e abrirá novas oportunidades económicas.

Entre as actuacións xa iniciadas deste programa a día de hoxe está a plantación nas Gándaras dun arboretum de medio milleiro de exemplares de 55 especies distintas de árbores e arbustos auctóctonos, representativas de todos os bosques de Galicia. Trátase dun proxecto pioneiro na comunidade, que creará un espazo de divulgación e participación aberto de maneira libre e gratuíta á comunidade educativa e científica e á sociedade lucense en xeral.

Ademais, tamén se plantaron frondosas autóctonas e especies de alta rendibilidade enerxética, así como un souto de castiñeiros autóctonos en terreos públicos situados nas Gándaras e O Ceao.

Entre os proxectos previstos, figura a construción dun edificio de madeira con consumo enerxético cero.

Lugo+Biodinámico conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, achegados nun 50% polo plan europeo Life e noutro 50% polo Concello, Deputación, Universidade de Santiago e Universidade Politécnica de Madrid. O obxectivo é desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, o que mellorará a calidade de vida dos veciños e veciñas, fará de Lugo unha cidade máis verde e abrirá novas oportunidades económicas aproveitando a madeira como elemento estrutural construtivo.

Noticias relacionadas