O Concello ampliará o servizo de bus urbano para mellorar a comunicación do barrio da Ponte

A partir da semana que vén haberá 13 buses das liñas 2 e 7A que farán parada na Ponte e en Polusa

Actualmente o barrio está comunicado con 4 buses que teñen saída na rúa Brétema

Mércores, 06 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou que a partir da vindeira semana os residentes do barrio da Ponte van estar mellor comunicados a través do transporte urbano.

Esta mellora no servizo de bus urbano da zona da Ponte producirase co aumento de frecuencias dos autobuses correspondentes ás liñas 2, que comunica o Cemiterio con Albeiros (Pol Gándaras), e 7A, que conecta o Cemiterio coas Gándaras.

Luis Álvarez explicou que a liña 2, que na actualidade tiña catro frecuencias con parada na rúa Brétema, pasará a duplicar o número de conexións e os oito servizos de bus chegarán ata a Ponte. E no caso dos autobuses da liña 7A haberá cinco que darán un novo servizo con parada en Polusa.

O Voceiro do Goberno local explicou que estas melloras no servizo de bus urbano ó barrio da Ponte foron consensuados cos representantes veciñais e destacou tamén que Lugo segue a ser o concello de Galicia co prezo do billete de bus máis barato e que tamén ten o bono de transporte máis barato.

Prego do servizo de buses urbanos

Por outra parte, a Mesa de Contratación acordou, nunha xuntanza celebrada hoxe, solicitar informe da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia respecto das alegacións presentadas pola licitadora Salamanca de Transportes, S.L. no procedemento para a adxudicación do servizo público de transporte regular de viaxeiros.

A decisión tomouse como consecuencia dun informe emitido conxuntamente pola letrada asesora, o interventor xeral e mailo xefe do servizo de contratación quenes consideran que a oferta presentada pola devandita empresa pode incumprir o prego de cláusulas administrativas que rexeu a licitación no referido ó prazo de duración do contrato, xa que as melloras ofertadas están vinculadas a un prazo de quince anos, cando prego de condicións prevé que a duración do contrato será de dez anos, sen prexuizo de que tamén se prevé a posibilidade dunha ou varias prórrogas ata un máximo de cinco anos.

Audio

Noticias relacionadas