O Concello adxudica as obras para a instalación dunha rede de biomasa en Frigsa

A UTE  Forestación Galicia e Forestación e Repoblación SA presentou a oferta economicamente máis vantaxosa, por importe de 874.063 euros, e un prazo de execución de 14 días

Martes, 24 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, anunciou este martes a adxudicación das obras de instalación dunha rede de biomasa nas dependencias de Frigsa á UTE  Forestación Galicia e Forestación e Repoblación SA por presentar, segundo a Mesa de Contratación, reunida onte, a oferta economicamente máis vantaxosa, por importe de 874.063 euros, e un prazo de execución de 14 días.

O proxecto, supeditado a unha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) por valor de 700.000 euros, consiste na implantación dun sistema non contaminante para a rede de calor da calefacción das instalación de Frigsa co fin de mellorar a eficiencia enerxética.

O Goberno delegou a finais de setembro as competencias no Concelleiro de Desenvolvemento Sostible para a resolución de todos os actos de trámite e resolutivos necesarios para a contratación destas actuacións co fin de axilizar o máximo posible os trámites para poder cumprir cos prazos marcados polo INEGA para executar e xustificar a subvención, que rematan o 20 de novembro.

Daniel Piñeiro lembrou que, aínda que a liña de subvencións do INEGA foi convocada para o ano 2016, “non recibimos o certificado da concesión da axuda ata o pasado mes de febreiro, un atraso alleo ao Goberno, que complicou aínda máis que a oposición municipal non fora capaz de acordar a aprobación dos Orzamentos do 2017 e logo Ciudadanos recorrera a aprobación das modificacións de crédito nas que estaba recollida a contía económica que lle corresponde achegar ao Concello –de 300.000€- para poder acometer esta obra. Deste xeito, non tivemos crédito para esta actuación ata setembro”.

Piñeiro asegurou tamén que o Concello de Lugo “non é o único de Galicia nin moito menos que está tendo complicacións para chegar a tempo aos prazos marcados polo INEGA para acometer as obras e xustificar as subvencións, de feito, todos os proxectos subvencionados na anualidade 2016 caeron, excepto os de Lugo e Ponteareas, porque o tempo que deixou o organismo da Xunta é moi curto e a execución das actuacións en moitos casos é longa e complexa, polo que se fan irrealizables”.

Noticias relacionadas