O Concello adxudica a nova licitación coa que se reactivará a renovación da traída de augas no Grupo La Paz

A Xunta de Goberno Local outorgará esta semana os traballos para substituír a rede de abastecemento e modernizar o saneamento da zona, por un importe de 603.880 € euros.

A Administración local rescindira o anterior contrato ante os reiterados incumprimentos da primeira adxudicataria ao respecto dos prazos de execución das obras.

Neste mandato, o Executivo de Lara Méndez investiu preto de 1’5 millóns de euros na renovación das canalizacións de fibrocemento en distintos puntos da cidade.

Luns, 24 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello adxudica a nova licitación coa que se reactivará a renovación da traída de augas no Grupo La Paz

O Executivo de Lara Méndez adxudicará este mércores, en Xunta de Goberno, a renovación da traída de augas no Grupo La Paz á empresa Isidro Hermanos Blanco Trigo.

Un procedemento que se tramitou pola vía da urxencia e en paralelo á terminación do expediente de resolución do contrato á anterior adxudicataria por recaer en reiterados incumprimentos do prazo de execución das obras.

Nesta ocasión, a contratación das tarefas, que deberán estar finalizadas en 6 meses, suporá un investimento municipal de 603.880 euros.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, incidiu na celeridade coa que o Concello abordou este expediente para reanudar as actuacións pendentes co obxectivo de diminuír os prexuízos que tivo para a veciñanza da zona as demoras nas que incorreu a anterior empresa que “só chegou a executar o 6’53% do orzamento previsto no 80% do tempo asignado para materializar toda a intervención, sendo o seu rendemento manifestamente insuficiente o que derivou na súa rescisión”, indicou o edil.

O responsable de área lembrou que, en total, o Executivo de Lara Méndez actuará sobre 187 acometidas do Grupo La Paz, 62 delas pluviais, concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas rúas Camelia, Acibro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote.

“O obxectivo é poñer fin ás avarías que teñen a súa orixe no feito de que as conducións sexan de fibrocemento, xa que esta substancia é moito máis sensible aos contrastes climatolóxicos e presenta, á súa vez, unha maior predisposición ás roturas e menor tolerancia ás variacións de fluxo da traída. Polo que, con ela queremos eliminar esta casuística e rematar, alén, cos trastornos que lle ocasiona á cidadanía”, sinalou o tenente de alcaldesa.

Miguel Fernández detallou, así mesmo, que a substitución das tubaxes actuais se fará por outras de función dúctil ao tempo que tamén se levará a cabo a renovación dos colectores de saneamento que verten á rúa Armórica e á Rolda de Fingoi que, pola súa antigüidade e polos materiais cos que foron construídos (formigón), presentan deficiencias no seu funcionamento.

Ademais, previamente á posta en marcha das novas canalizacións, realizaráselles un lavado e desinfección para que poidan operar en condicións óptimas.

Fernández recordou tamén que neste mandato o Executivo de Lara Méndez investiu preto de 1’5 millóns de euros na renovación das canalizacións de fibrocemento en distintos puntos da cidade.

Audio

  • O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre a adxucación da nova licitación do Grupo La Paz | Descargar mp3

Noticias relacionadas