O Concello activa hoxe a factura electrónica, co que aforrará custes e reducirá en 30 días o período de pago aos provedores

As concelleiras de Economía e Concello e Cidadanía anunciaron a implantación integral da e-factura, co que “avanzamos cara a Administración electrónica, poñendo as novas tecnoloxías ao servizo dos cidadáns en xeral e das empresas en particular, para que se beneficien das súas vantaxes e posibilidades”

Venres, 22 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As concelleiras de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico e de Concello e Cidadanía, Ana Prieto e Rosana Rielo, anunciaron que este venres comezou a funcionar no Concello a tramitación integral da factura de maneira electrónica, un novo servizo tecnolóxico “que nos permitirá aforrar importantes custes económicos e reducir de maneira paulatina en polo menos 30 días o período medio de pago aos provedores, o que mellorará a súa liquidez e, en definitiva, contribuirá a mellorar a economía local”, explicou Prieto.

Así mesmo, coa e-factura, asegurou Rosana Rielo, seguimos avanzando cara a Administración electrónica, poñendo as novas tecnoloxías ao servizo dos cidadáns en xeral, e das empresas en particular, para que se beneficien das súas vantaxes e posibilidades. Melloramos ademais a transparencia na xestión, e somos máis eficientes e máis útiles aos nosos veciños e veciñas”.

O Concello implantou a presentación vía electrónica das facturas hai preto de dous anos, polo que “agora damos un novo paso coa tramitación integral das facturas de maneira telemática”, explicou Rielo, froito dun traballo conxunto e coordinado que as áreas de Economía e de Concello e Cidadanía desenvolveron durante os últimos meses, arranca hoxe e implantarase de maneira progresiva no circuíto administrativo que seguen as facturas.

As vantaxes fundamentais da e-factura son as seguintes:

- O aforro económico porque se deixarán de imprimir as facturas que entran pola plataforma electrónica e escanearanse as que entren en papel por Rexistro, de maneira que desaparece o papel, e todo o itinerario administrativo se fará de maneira dixital. Deste xeito, o gasto do Concello, tan só en folios, baixará considerablemente, tendo en conta que a día de hoxe se imprimen unha media de 300 folios ao día, máis de 9.000 ao mes, en facturas.

- Os provedores cobrarán antes, pois con esta nova aplicación tecnolóxica redúcense o tempo de tramitación das facturas, non só porque desaparece o papel, senón porque se cambia o itinerario administrativo que seguen as minutas co fin de gañar eficiencia. Deste xeito, acurtarase de xeito importante o prazo de pago ás empresas provedoras. “A nosa previsión é ir acurtando tempos de maneira progresiva, ata chegar a reducilo prazo medio en 30 días. Pagando máis rápido favorecemos tamén que as empresas melloren a súa liquidez, un dos grandes problemas aos que hoxe se teñen que enfrontar, sobre todo as PEMES e autónomos, e, con elo, contribuiremos á sostibilidade da economía local”, subliñou a Concelleira de Economía.

Audio

Noticias relacionadas