As instalacións de As Gándaras, cedidas polo Concello de Lugo, acollerán do 1 ao 6 de xullo esta formación, que converxe coa estratexia do goberno local para reforzar a conciliación familiar, e na que poderán participar nenos e nenas de entre 5 e 15 anos.
A actividade foi presentada hoxe nun acto coa presenza da Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos; o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto e a lenda do Atlético de Madrid, ‘Manolo’ Sánchez Delgado.
“Cando afirmamos que Lugo é Deporte non estamos empregando un slogan, falamos dunha realidade: pola variedade e calidade de clubs e deportistas na elite competitiva, polo impulso turístico e ao tecido socioeconómico, e polo apoio á actividade formativa”, destacou o rexedora.

O Campus Atlético de Madrid aterra en Lugo, por primeira vez, grazas á colaboración da área de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, que dirixe Jorge Bustos; coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As instalacións de As Gándaras, cedidas polo goberno local, acollerán do 1 ao 6 de xullo, esta actividade na que poderán participar nenos e nenas de entre 5 e 15 anos e para a que xa hai máis de 50 inscricións formalizadas.
A actividade, que converxe coa estratexia do executivo de Paula Alvarellos para reforzar a conciliación familiar e o fomento de hábitos de vida saudables entre a mocidade, foi presentada hoxe nun acto coa presenza da propia Alcaldesa de Lugo, o edil de Xuventude e Deportes, Jorge Busto; o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto; a lenda do Atlético de Madrid, ‘Manolo’ Sánchez Delgado; e o presidente da Peña Atlética Lucense, Manuel Rodríguez Sedano.
Na súa intervención, a rexedora puxo en valor a importancia do tecido asociativo e deportivo para a cidade: “Cando afirmamos que Lugo é Deporte non estamos empregando un slogan promocional, falamos dunha realidade que se pode constatar: primeiro pola variedade e calidade de clubs e deportistas na elite competitiva coa que temos a sorte de gozar, segundo polo impulso turístico e ao tecido socioeconómico que isto supón, e terceiro polo apoio á actividade formativa e á educación en valores das novas xeracións que promovemos desde o goberno local”.
Alvarellos agradeceu a Manolo a predisposición do Atlético “por achegar aos nosos pequenos e pequenas unha metodoloxía punteira como a do voso Campus”. Os cativos e cativas participarán en formacións que se prolongarán de 09.30 horas a 14.00 horas entre o luns 1 e o sábado 6 de xullo. Trátase, por tanto, dun plan axeitado para o inicio do período non lectivo. Ao respecto, a Alcaldesa apunta que “os campamentos teñen unha dobre finalidade que coincide plenamente coa visión do executivo que teño o pracer de liderar: por unha banda está o compoñente lúdico e formativo dos máis pequenos e pequenas, co fomento de valores como o compañeirismo, o espírito de superación, a responsabilidade e tamén a adquisición de hábitos de vida saudables e pola outra está a conciliación, tan importante para moitas familias cando remata a actividade escolar”.
Por último, Alvarellos lembrou a importancia que ten o traballo dos clubs para os éxitos que acada actualmente o deporte lucense: “Boa culpa da fertilidade do deporte base de Lugo ao labor do tecido asociativo a través dos distintos clubs. Grazas a ese traballo dende idades temperás hoxe vibramos con embaixadores da nosa cidade como os irmáns Quintela, Adi Iglesias, Lucía Prol ou Jorge Prado, entre outros. Aínda que o máis importante foi que centos de rapaces e rapaces creceron rodeados dunha contorna sa e na que aprenderon condutas fundamentais no seu desenvolvemento como persoas”.
A actividade, na que participarán adestradores profesionais da Academia do Atlético de Madrid, aínda ten as inscricións abertas no correo campusatmgalicia@gmail.com e no teléfono 656 487 890. A cuota xeral de participación é de 210 €, que terá un prezo reducido de 185 € para as familias que anoten a máis de un participante e para os nenos e nenas.


