O BOP publica hoxe a licitación do contrato para a redacción dos 5 primeiros proxectos de obra do EDUSI

As empresas interesadas teñen 15 días de prazo para presentar as súas propostas

Cun orzamento de 168.000€, o Concello licita a elaboración dos estudos de viabilidade e proxectos da reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao campo de fútbol, a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme e a descontaminación dos solos deste barrio

Os traballos de redacción estarán listos entre finais deste ano e principios do que vén, momento no que o Concello poderá comezar a licitar a execución das obras

Sábado, 05 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo dá un paso máis na execución dos fondos europeos EDUSI coa publicación este sábado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da licitación do contrato para a redacción dos proxectos técnicos das 5 primeiras actuacións coas que arranca este programa, que como indica o seu nome, Muramiñae, da Muralla ao Miño, ten como obxectivo unir o río e a cidade. Deste xeito, mañá ábrese un prazo de 15 días para que as empresas interesadas presenten as súas propostas.

O contrato, cun orzamento de 168.000€, inclúe a elaboración dos estudos de viabilidade e proxectos da reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao campo de fútbol, a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme e a descontaminación dos solos deste barrio.

Aínda quedando algún trámite pendente por parte do Goberno central, o Concello quixo axilizar ao máximo este proxecto e comezar a licitar canto antes para poder investir á maior brevidade posible os fondos europeos acadados.

A estratexia EDUSI coa que Lugo conseguiu fondos da Unión Europea conta cun orzamento total de 12,5 millóns de euros, o 80% (10M€) achegado por Europa a través do FEDER.

Os 5 primeiros proxectos

O plan arranca coa licitación dos estudos de viabilidade e a redacción dos proxectos construtivos das seguintes 5 actuacións, que suman un investimento de 2,5 millóns de euros:

1.- Reforma da Volta da Viña (A obra ten un orzamento de 500.000€): consistirá na rexeneración integral de toda esta zona, correspondente á intersección da N-VI co viario urbano. Esta reforma busca unha diminución do tráfico rodado nas proximidades da Ponte Vella, un dos emblemas da cidade, minimizando a dependencia que para a mobilidade do tráfico supón hoxe a Calzada da Ponte. Por outra banda, a Ponte Vella dará unha continuidade deste itinerario peonil que materializa a entrada á cidade dende o río por unha vía sen tráfico.

2.- Pasarela peonil ao campo de fútbol Anxo Carro (520.833€): Destinada a crear un novo itinerario peonil e para bicicletas que favoreza o acceso da cidadanía dende o centro á zona do río, e en especial ao campo de fútbol, co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo.

3.- Prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI (1.093.750€): Destinado a mellorar as condicións deste itinerario peonil, tratando de convertelo da mesma forma en ciclable, o que favorecerá o acceso á zona do río e ás infraestruturas do seu entorno.

4.- Posta en valor do patrimonio histórico e cultural no barrio do Carme (250.000€): consiste na valorización do patrimonio desta área a través de intervencións arqueolóxicas ou de accións de musealización in situ, encamiñadas a coñecer e por en valor aqueles restos relacionados coa traza urbana e as infraestruturas da cidade romana, o trazado da antiga vía romana XIX ou dos múltiples camiños históricos, en especial, o Camiño de Santiago.

5.- Descontaminación e rehabilitación de solos contaminados no barrio do Carme -a raíz de canalizacións antigas e verquidos non controlados- (156.500€)

Os prazos

O prazo de execución do contrato de redacción dos proxectos é de 4 meses, para os que se marcou a seguinte folla de ruta:

  • 2 semanas para realizar un estudo da viabilidade técnica e económica dos distintos proxectos.
  • 2 semanas para presentar un avance de cada proxecto construtivo
  • E 6 semanas para a elaboración dos proxectos. Están incluídos a elaboración dos documentos necesarios para obter todos os permisos e licencias precisos que se requiran para a realización das obras (Ministerio de Fomento, CHMS, Xunta e empresas subministradoras de servizos, entre outros).

Tendo en conta os prazos estipulados, o Goberno estima que os proxectos constructivos estarán listos entre finais deste ano e principios do que vén, momento no que o Concello poderá comezar a licitar a execución das obras.

Noticias relacionadas