O alcalde, Miguel Fernández, salienta no III Foro Urbano de España que máis do 80% da Axenda Urbana de Lugo está xa executada ou en vías de execución

Fernández participou na mesa sobre Axendas Urbanas, onde compartiu a experiencia de Lugo como modelo de planificación e gobernanza local.

O rexedor destacou que a cidade avanza nun modelo sostible e participativo, con proxectos que consolidan a transformación urbana iniciada coa Axenda “Lugo, Cidade Verde”.

“A planificación estratéxica e a cooperación institucional son os motores da transformación urbana; en Lugo pasamos de xestionar fondos a xestionar futuro”, subliñou o alcalde.

Mércores, 22 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, participou esta tarde no III Foro Urbano de España, que se celebra na Coruña baixo a organización do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana. Fernández interveu na mesa dedicada ás Axendas Urbanas, onde compartiu a experiencia de Lugo xunto a alcaldes e representantes doutros concellos galegos e do resto de España, que expuxeron os seus avances na implantación das súas estratexias locais de desenvolvemento urbano.

Durante a súa intervención, Fernández salientou que máis do 80 % das 35 liñas estratéxicas da Axenda Urbana “Lugo, Cidade Verde” están xa executadas ou en vías de execución, o que sitúa a cidade como referente en planificación estratéxica e sustentabilidade. O rexedor explicou que “a planificación estratéxica non é un documento, é unha cultura de goberno”, e lembrou que Lugo leva máis de dúas décadas aplicando esta visión a través de proxectos que combinan sustentabilidade, participación e coherencia institucional.

O alcalde subliñou que a Axenda Urbana “permitiunos dar continuidade a un modelo de cidade baseado na planificación, na avaliación e na colaboración interadministrativa, que agora serve de guía para as nosas políticas públicas”. Nesa liña, destacou que a execución da Axenda Urbana “non é o punto de chegada, senón un proceso vivo e continuo, que require manter a cooperación entre administracións para poder avanzar con ambición e estabilidade”.

Fernández referiuse tamén aos retos de futuro que ten o Concello enriba da mesa, entre eles a rehabilitación do Cuartel de San Fernando, co obxectivo de convertelo no Museo da Romanización de Galicia, ligado ás orixes e identidade da cidade; as necesidades estruturais do ciclo da auga, para as que o Concello aspira a obter financiamento a través do PERTE, e a posta en marcha dunha estratexia integral de vivenda en barrios como A Milagrosa ou Feijóo. O rexedor subliñou que “son proxectos de gran impacto social e urbano que o Concello non pode afrontar en solitario, e que requiren a implicación e a colaboración doutras administracións”.

O alcalde repasou tamén o camiño percorrido pola cidade, desde o Plan Estratéxico Municipal dos anos 2000, pasando polo Proxecto URBAN e a Estratexia DUSI Muramiñae, ata chegar á actual Axenda Urbana, que definiu como “un documento vivo, flexible e participativo, que orienta o noso traballo e dá coherencia aos proxectos que executamos”.

Fernández puxo en valor o papel da xuventude neste proceso, lembrando a creación do Consello da Mocidade, que se consolidará nos vindeiros meses como órgano estable de participación. “Non se pode deseñar o futuro sen contar con quen o vai protagonizar; queremos que a mocidade participe activamente na revisión e actualización do noso modelo de cidade”, afirmou.

O rexedor concluíu asegurando que “a experiencia de Lugo demostra que a planificación estratéxica e a gobernanza compartida son os verdadeiros motores da transformación urbana”, e engadiu que o compromiso do Goberno local é seguir executando unha cidade sostible, verde e cohesionada, pensada para as persoas e preparada para o futuro.

Posteriormente, o alcalde participou na recepción oficial ofrecida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, aos representantes municipais participantes no foro.

Noticias relacionadas