O alcalde insta á Xunta a axilizar a tramitación urbanística para non perder máis tempo na recuperación de Doña Urraca e na súa contorna

Miguel Fernández insistiu en que o Concello de Lugo actuará con celeridade unha vez remate a redacción do proxecto e a modificación do plan especial por parte da Xunta.

O rexedor brindou a colaboración do Goberno local para a posta en valor de Dona Urraca “clave para un barrio chamado a ser un gran reclamo turístico, cultural e urbanístico”.

Falou da “importancia de manter a lealdade institucional e da colaboración entre administracións como vía para conservar e divulgar o patrimonio lucense”.

Xoves, 09 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde insta á Xunta a axilizar a tramitación urbanística para non perder máis tempo na recuperación de Dona Urraca e na súa contorna

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, instou á Xunta de Galicia “a axilizar a tramitación urbanística para non perder máis tempo na recuperación do Pazo de Dona Urraca e na súa contorna”. Fixo estas declaracións na rolda de prensa na que se deu a coñecer o proxecto gañador para que a administración autonómica execute a rehabilitación deste inmoble e da zona máis próxima, en cumprimento a un convenio asinado en setembro do ano pasado.

Neste sentido sinalou que “hoxe damos un paso máis, xa sen retorno, de cara á futura rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e a súa contorna, un proxecto que vai supoñer un antes e un despois para a Tinería, un dos barrios máis importantes e emblemáticos do noso centro histórico e chamado a ser un dos grandes reclamos desde o punto de vista turístico, urbanístico, social e cultural”.

O alcalde se dirixiu á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para falar da “lealdade institucional e de colaboración entre administracións para conservar o patrimonio lucense”, e neste sentido fixo fincapé en que “desde o Concello de Lugo, e en concreto desde a área de Urbanismo, estaremos en disposición de traballar coa máxima celeridade, con dilixencia e eficacia para tramitar o máis rápido posible os documentos urbanísticos precisos para o novo proxecto e a concesión de licenzas de edificación, ademais de axilizar ao máximo os prazos destes trámites”. Ditos procedementos se refiren á redacción do proxecto e á modificación do plan especial por parte da Consellería de Vivenda, que deberán presentar ao Concello desde a Xunta.

Para Miguel Fernández “ambas administracións temos a obriga de colaborar para sacar adiante este proxecto e poñer en valor esta zona do centro histórico para completar así a súa rexeneración social e económica, e garantir a súa conservación patrimonial. Estou convencido de que dará continuidade ao traballo levado a cabo polo Goberno local na propia Tinería pero tamén noutras zonas próximas como é o barrio do Carme”.

Pese ao compromiso de colaboración, o alcalde lembrou que o Concello de Lugo e o IGVS asinaron hai máis dun ano, o 2 de setembro de 2024, o convenio para a recuperación e posta en valor do Pazo de Dona Urraca e a mellora da ordenación da UI-8, polo que urxe axilizar ao máximo posible un proceso de rehabilitación que xa acumula moito atraso.

De feito, o rexedor municipal insistiu en pedir á Xunta de Galicia “sensibilidade co patrimonio lucense e axilidade noutros proxectos igualmente importantes”, como é a recuperación da Casa da Torre, moi próxima a Dona Urraca, e que conta con licencia municipal desde hai máis dun ano. Trátase dun inmoble de gran valor histórico e arquitectónico que leva décadas en estado de abandono e que precisa dunha intervención urxente por parte da Xunta.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a recuperación do Pazo de Dona Urraca | Descargar mp3

Multimedia

  • O alcalde insta á Xunta a axilizar a tramitación urbanística para non perder máis tempo na recuperación de Dona Urraca e na súa contorna
  • O alcalde insta á Xunta a axilizar a tramitación urbanística para non perder máis tempo na recuperación de Dona Urraca e na súa contorna

Noticias relacionadas