O alcalde de Lugo solicita unha reunión urxente co presidente Rueda para desbloquear o Museo da Romanización

O rexedor trasladou a súa preocupación polo trasbase de 250.000 euros dos fondos autonómicos inicialmente comprometidos para esta actuación a outros fins alleos ao propio museo, entre eles o financiamento do programa Bono Emancípate.

“É a miña responsabilidade esixir para Lugo o que é de xustiza. Somos a única administración que investiu neste proxecto. O Concello cumpriu coa súa parte destinando 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble e preto de 150.000 euros en tarefas de conservación”, dixo.

“O anteproxecto actualizado suma 15 millóns de investimento. Non valen escusas: a Xunta está a investir, a través da Consellería de Cultura, máis de 17 millóns na recuperación do Pazo de Lourizán”, afirmou Fernández.

Martes, 02 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, solicitou hoxe formalmente unha reunión urxente co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para analizar e desbloquear a situación do Museo da Romanización, un proxecto estratéxico para a cidade que permanece paralizado dende hai máis dunha década. O anuncio tivo lugar ante a reunión que se manterá esta tarde coa plataforma cidadá MURO na que o rexedor trasladou a súa preocupación polo desvío dos fondos autonómicos inicialmente comprometidos para esta actuación.

Fernández explicou que, a pesar de que os Orzamentos Xerais da Xunta para 2025 incluían un importe meramente testemuñal de 500.000 euros, a metade dese crédito —250.000 euros— foi desviada pola Consellería de Cultura a outros fins alleos ao propio museo, entre eles o financiamento do programa Bono Emancípate, destinado á compra de mobles. Fernández lembrou que o compromiso inicial do Goberno galego, adquirido no ano 2010, ascendía a 10 millóns de euros para desenvolver o Museo da Romanización no antigo Cuartel de San Fernando, un proxecto que foi paralizado en 2013 e abandonado definitivamente en 2019. En 2022, xa coa chegada de Rueda á Presidencia, o Executivo autonómico expresara a súa vontade de retomar a colaboración, pero, segundo o alcalde, “tres anos despois non hai ningunha avance nin garantía de cumprimento. O comptomiso e nulo e todo son excusas”.

“É a miña responsabilidade esixir para Lugo o que é de xustiza. Somos a única administración que investiu neste proxecto. O Concello cumpriu coa súa parte destinando 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble e preto de 150.000 euros en tarefas de conservación ao longo dos últimos 8 anos. Agora debe ser o Executivo galego, única administración competente nesta materia, a que mova ficha e comprometa o financiamento necesario. Eu cumprín a miña parte de acordo co presidente Rueda, con quen me comprometín na reunión do pasado verán a cuantificar o custe actualizado do proxecto. O anteproxecto actualizado suma 15 millóns de investimento. Non valen escusas: a Xunta está a investir, a través da Consellería de Cultura, máis de 17 millóns na recuperación do Pazo de Lourizán”, afirmou Fernández tras o encontro coa plataforma MURO.

O alcalde lembrou ademais que, ata 2013, “esta aspiración tamén foi un proxecto galego e compartido pola Xunta, á que por lei lle corresponde salvagardar os restos arqueolóxicos”. Fernández incidiu na responsabilidade institucional da Xunta respecto do patrimonio histórico que está en risco por mor deste bloqueo. “Non debemos esquecer que actualmente máis de 15.000 pezas catalogadas, que son propiedade da Xunta, están a ser custodiadas polo Concello por responsabilidade. E isto é só unha parte das miles de pezas que seguen dispersas en dependencias doutras administracións ou mesmo en domicilios privados de arqueólogos. Son materiais que precisan dun inventariado rigoroso e dun lugar de referencia para o seu estudo e a súa exposición”, explicou. O alcalde advertiu que sen unha política clara de conservación do legado histórico é imposible “construír un futuro no que todas e todos nos sintamos recoñecidos”.

O rexedor concluíu afirmando que Lugo “non pode permitir outro ciclo de desatención por parte do Executivo galego” e que o Concello seguirá esixindo o cumprimento dos compromisos adquiridos para que o Museo da Romanización —“un proxecto de cidade, de país e de memoria”— poida converterse nun espazo de referencia cultural, científica e turística para Galicia e para o conxunto do noroeste peninsular.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o Museo da Romanización | Descargar mp3

Noticias relacionadas