O Alcalde de Lugo mantén o seu compromiso coa mellora da inserción laboral e as expectativas de emprego das persoas con discapacidade e dos mozos

Venres, 31 de xullo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantén o seu compromiso e o do seu Goberno coa mellora da inserción laboral e as expectativas de emprego das persoas con discapacidade e os mozos. Así, López Orozco participou esta mañá na sinatura de senllos convenios de colaboración, un deles rubricado polo grupo DOAL, adxudicataria do Servizo de Aparcadoiros na Vía Pública Mediante Expendedores de Tickets na cidade, e o grupo COGAMI, entidade sen ánimo de lucro que ten como finalidade a integración das persoas con discapacidade.

O convenio asinado entre DOAL e COGAMI, auspiciado polo Concello, recolle a posta en marcha de iniciativas, programas e actividades que melloren a integración social e laboral das persoas con discapacidade de Lugo. Neste sentido, DOAL comprométese a ter cuberto o seu plantei co maior número de persoas con discapacidade que sexa posible, por enriba do que fixa a Lei.

López Orozco explicou que o convenio asinado hoxe entre ambas as entidades permitirá formar a traballadores que poidan desenvolver a súa actividade no sistema ORA. Neste sentido, o Alcalde de Lugo avanzou que o próximo martes entrará en funcionamento a nova empresa.

O convenio rubricado hoxe súmase, como salientou o Alcalde, aos proxectos postos en marcha polo Goberno local como son Lugo Contigo e Lugo Emprego Activo, iniciativas que pretenden a incorporación ao mercado laboral das persoas con discapacidade. Nas dúas edicións que se teñen celebrado Lugo Contigo contou coa participación de 50 persoas das que o 40% foron contratados.

Convenio coa Escola Ramón Falcón
Así mesmo, o Alcalde de Lugo asinou un convenio coa nova directora da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón, Esther Múñoz, para o fomento da realización dos proxectos de fin de carreira do alumnado dos estudos superiores de deseño de interiores e deseño gráfico. Tal e como explicou López Orozco, o alumnado que o desexe poderá realizar o seu proxecto fin de estudos en colaboración co Concello para o que este porá a disposición dos interesados a documentación e información que necesiten.

O resultados dos proxectos será propiedade da Escola na súa totalidade se ben, o Concello poderá solicitar o seu préstamos para futuras exposicións.

Multimedia

Noticias relacionadas