O Alcalde de Lugo anuncia a concesión de actuacións no 70% das vivendas do Sagrado Corazón

Sábado, 10 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou a concesión por parte da Consellería de Vivenda de actuacións de rehabilitación en 250 vivendas do Barrio do Sagrado Corazón, dentro das actuacións nas áreas de rehabilitación integral para o ano 2007. Este dato supón que na primeira fase se atenderá ó 70% das solicitudes que formulen os veciños deste barrio que data dos anos 70 e que conta con 25 edificios dos que só dous teñen ascensor.

Esta noticia é moi positiva xa que demostra “a celeridade coa que se está a tramitar a mellora desta zona”, e implica que unha vez que comece a rehabilitación, afectará á maioría do barrio, que está integrado por 340 vivendas e elementos comúns. Os seguintes pasos a dar son a sinatura dun convenio entre o Ministerio, a Xunta e o Concello e a aprobación dunhas bases que regulen e permitan o inicio destas importantes obras para a cidade.

A mediados de setembro o Concello anunciou a apertura dunha lista pública na que se podían inscribir as empresas e os profesionais interesados na rehabilitación das casas do Sagrado Corazón. A finalidade é dar resposta a unha petición dos veciños e facilitar o acceso a estos datos. O papel do Concello neste caso non é outro que o de mero informador. Os datos están colgados no apartado que Evislusa ten na web municipal: www.lugo.es.

O pasado 7 de setembro o Alcalde, José López Orozco, mantivo ademais unha xuntanza cos veciños do Sagrado Corazón para explicarlles de primeira man o proxecto de rehabilitación integral do barrio.

O feito de que o Ministerio de Vivenda concedera a  declaración de Área de Rehabilitación Integral (ARI) supón que o Ministerio e a Consellería destinarán un orzamento de 3.825.000 euros para subvencionar obras de rehabilitación que poderán afectar a fachadas, cambios de cubertas, obras en interiores das casas, instalación de ascensores.

Os veciños poderán optar a subvencións de ata o 80% do custe das obras, o 20% restante correrá ó seu cargo.

O Concello, dando un paso máis para facilitar estas rehabilitacións, está negociando con diversas entidades crediticias, un convenio para que os veciños que o desexen poidan acollerse a uns plans de financiación cuns xuros e prazos especiais.

As principais actuacións desta ambiciosa rehabilitación son:

1.- Colocación de 23 ascensores no exterior dos edificios que comunicarán coas plantas a través de pasarelas. Serán básicos para unha poboación envellecida, cunha considerable taxa de persoas discapacitadas e terán unha estética innovadora.

2.- Creación de dous ascensores públicos que comunicarán o barrio coa cidade. Estarán en Carlos Azcárraga e na rúa Fontaneira (onde existen dúas escaleiras con case 50 escalóns cada unha).

3.- Pintura, limpeza e reparación de fachadas.

4.- Reparación de todas as cubertas e eliminación das actuais uralitas. As cubertas estarán preparadas para ser accesibles, poder acoller paneis solares –como indica o Código Técnico de Edificios- ou ser tendedeiros.

5.- Reposición de instalacións comunitarias hoxe obsoletas ou en mal estado.
 

Noticias relacionadas