O Concello utiliza máquinas retroarañas para desbrozar as zonas máis complicadas e terreos con máis pendentes

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, supervisou este martes os labores de acondicionamento que o Concello está a levar a cabo na parcela municipal onde se situaba o antigo vertedoiro na parroquia de Teixeiro, que ten unha superficie superior ás 20 hectáreas. Para avanzar nestas tarefas, durante estes días estanse a empregar unhas máquinas especiais denominadas retroarañas, que están a desbrozar as zonas máis complicadas e con terreos con máis pendentes.
As actuacións, que previsiblemente rematarán a finais deste mes, consisten no desbroce de toda a maleza para previr incendios, nun clareo nas zonas de bosque autóctono para mellorar a súa conservación e eliminando aquela vexetación que lle afecte ás arbores autóctonas de mellor porte, para ir formando unha fraga autóctona da que se poida gozar nun futuro. Tamén se vai a talar unha zona moi pequena de eucaliptos e facer un clareo nuns piñeirais, para eliminar os que non presentan un bo estado.