Nas áreas de rehabilitación xestionadas polo Concello concedéronse 600 axudas á rehabilitación de vivendas

Xoves, 29 de xullo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

601 axudas á rehabilitación de vivendas foron concedidas desque se puxeron en marcha os programas para a conservación do parque de vivendas do Casco histórico e do barrio do Sagrado Corazón.

A Delegada de Urbanismo, María Novo, fixo balance hoxe das subvencións e anunciou que a semana que vén vaise abrir o prazo para solicitar novas axudas para a rehabilitación de vivendas.

Nestes programas de rehabilitación colaboran o Ministerio de Vivenda, a Xunta e o Concello, no que María Novo cualificou de “importante colaboración institucional” pola que aposta o Concello que “mantén desde hai anos unha intensa política de rehabilitación de vivendas, que se suma ás axudas ó alugueiro e tamén ás subvencións que dá o Plan Urban para establecementos comerciais e hostaleiros do Casco histórico”.

Balance

Nas dez fases do programa de rehabilitación no Casco histórico tramitáronse 470 solicitudes e concedéronse 354 axudas. Para este ano convócanse 68 novas subvencións e o importe de cada unha pode chegar ó 75% do orzamento da obra realizada cun límite de 11.600 euros.

No caso do Sagrado Corazón, houbo dúas fases nas que se tramitaron 279 peticións e concedéronse 247. A nova convocatoria é de 10 subvencións de ata o 75% do orzamento da obra cun tope de 10.000 euros.

A Delegada de Urbanismo considera que estes datos demostran que “se fixo un importante esforzo, non só por parte das administracións, senón tamén pola parte dos particulares que acolleron moi ben estas iniciativas para poñer en valor o parque de vivendas edificadas que temos en Lugo”. “Todos sabemos que a aposta do urbanismo do futuro ten que pasar pola recuperación do patrimonio construído”, sinalou María Novo.

Trámites

O prazo para solicitar as axudas das dúas liñas de rehabilitación no Casco histórico e o Sagrado Corazón estará aberto durante un mes a partir da semana que vén. Os trámites deben facerse na Empresa municipal de Vivenda, situada nos baixos do Centro de convivencia Uxío Novoneyra.

Colaboración institucional

A colaboración que mantén o Concello coas administracións central e autonómica en materia de vivenda tradúcese tamén noutras iniciativas. De feito o Concello colabora, dende hai cinco anos, noutro programa da Xunta de Galicia, a Cédula de Rehabilitación de Calidade, que é de aplicación en todo o Concello, incluído o rural, polo que se conceden axudas ás rehabilitacións feitas con criterios de rehabilitación sostibles e con determinadas calidades. Estas subvencións, que poden ser compatibles con outro tipo de axudas, “son unha aposta polo mantemento da tipoloxía tradicional das nosas vivendas”, explicou Novo.

Ademais, o Concello vai empezar xestionar o Plan Renova para comunidades de propietarios ou vivendas unifamiliares que non estean situadas no Sagrado Corazón nin o Casco histórico que suporá axudas de ata 1.100 euros por comunidade para obras como instalación de ascensores, cambio de cubertas ou aillamento térmico dos inmobles.

Novo anunciou, tamén, que a colaboración institucional coa Xunta e o Ministerio permitiulle ó Concello xenerar dous programas máis, os de axudas para a adaptación de vivendas para discapacitados e maiores de 65 anos que desenvolven a Empresa municipal de vivenda e a Concellería de Servizos Sociais, que é quen os xestiona.

O Concello aposta asimesmo polos programas de alugueiro, de feito a Concellería de Benestar Social mantén dende hai catro anos un programa de axudas o alugueiro que triplicou tanto o importe das axudas como o número de solicitante das mesmas. Este programa supón que o Concello paga o 50% do importe dos alugueiros.

E o Concello tamén vai pasar facerse cargo das visitas técnicas do programa Aluga que mantén a Xunta de Galicia, o que suporá que técnicos municipais certifiquen a idoneidade das vivendas que se acollan a este programa e ademais certificarán que os inquilinos as deixan en bo estado cando se rescinda o contrato de arrendamento.

Multimedia

Noticias relacionadas