O Goberno local activa os primeiros pasos técnicos e políticos para dotar a Lugo de novas ferramentas de xestión e cooperación estratéxica.
O alcalde situou estes anuncios no Debate do Estado do Municipio, defendendo un modelo de crecemento equilibrado, con identidade e visión territorial.
Nunha aposta clara polo futuro, Fernández asegurou que “Lugo debe crecer con criterio, cara dentro e cara fóra ao mesmo tempo, sen perder a súa esencia nin renunciar a decidir o seu futuro”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, anunciou no Pleno do Debate do Estado da Cidade a intención do Goberno local de impulsar dúas iniciativas estratéxicas para o futuro da cidade e da súa contorna: a creación dun Consorcio do Centro Histórico e a apertura dun proceso de diálogo cos concellos limítrofes para explorar a constitución dunha área metropolitana de Lugo.
Durante a súa intervención, Fernández enmarcou ambos anuncios nunha visión de cidade a medio e longo prazo, baseada no crecemento equilibrado, na planificación e na cooperación institucional. “Este Goberno demostrou que o seu modelo non é un slogan, senón unha forma de xestionar que dá resultados e que se constrúe desde a suma, o diálogo permanente e a lealdade institucional”, afirmou. O alcalde insistiu en que Lugo debe dotarse de ferramentas que lle permitan consolidar o que xa é e, ao mesmo tempo, abrirse a novas oportunidades, alianzas e proxectos compartidos.
O rexedor realizou estes anuncios no marco do Debate do Estado da Cidade, no que fixo balance dun ano marcado pola estabilidade do proxecto municipal e pola continuidade dunha folla de ruta clara para Lugo. No seu discurso, Miguel Fernández defendeu un modelo de cidade humana e verde, cun urbanismo que xera oportunidades, uns servizos públicos sólidos, un casco histórico vivo, un rural atendido e unha cidade que medra sen romper os equilibrios que a fan amable e recoñecible.
No que respecta ao primeiro dos anuncios, o alcalde explicou que xa deu instrucións para que os servizos técnicos municipais comecen a traballar nas bases que permitan avanzar cara á posible creación dun Consorcio do Centro Histórico de Lugo. Trátase dunha ferramenta amplamente utilizada noutras cidades do Estado, que facilita a cooperación entre administracións públicas, a mobilización de recursos económicos estables e o acceso a vías específicas de financiamento para a conservación, rehabilitación e dinamización do patrimonio histórico e artístico. Fernández sinalou que un instrumento deste tipo permitiría mellorar a coordinación institucional, impulsar a rehabilitación de vivenda, favorecer a actividade económica e cultural e reforzar a identidade do centro como espazo vivo e con futuro.
O segundo anuncio ten unha dimensión territorial máis ampla e require necesariamente do consenso institucional. Ao longo deste ano, o alcalde iniciará unha rolda de contactos cos alcaldes e alcaldesas dos concellos limítrofes co obxectivo de explorar a viabilidade dunha área metropolitana de Lugo, entendida como un espazo de cooperación voluntaria. Esta fórmula permitiría planificar de maneira conxunta ámbitos clave como a mobilidade, os servizos públicos, o desenvolvemento económico, o emprego ou a ordenación do territorio, adaptando a gobernanza á realidade dunha cidade que xa exerce de capital funcional para milleiros de persoas da súa contorna.
Miguel Fernández destacou que as áreas metropolitanas son hoxe unha ferramenta fundamental para optimizar recursos, evitar duplicidades e competir en mellores condicións no acceso a fondos europeos. “Falamos de sumar capacidades, de pensar a cidade e o territorio en clave de futuro e de facelo desde o respecto mutuo”, sinalou, incidindo en que cando Lugo lidera con xenerosidade e propón proxectos compartidos, avanza non só a cidade, senón tamén a comarca e a provincia.
O alcalde concluíu reafirmando o compromiso do Goberno local cun Lugo que medra con criterio, con alianzas sólidas e cun proxecto claro, “unha cidade que sabe de onde vén, que ten moi claro onde está e que non renuncia a decidir cara onde quere ir”.
Un balance dun ano de avances e dun proxecto de cidade con rumbo
No conxunto do Debate do Estado do Municipio, o alcalde debullou un amplo balance da acción de goberno, destacando a consolidación dun modelo de cidade máis humana, verde e conectada, cun urbanismo ao servizo do desenvolvemento económico e da calidade de vida. “Lugo avanza porque hai planificación, coherencia e unha maneira de gobernar baseada no traballo constante, lonxe do ruído e preto da xente”, sinalou.
Fernández puxo en valor o avance do planeamento urbano como garantía dun crecemento ordenado e xerador de oportunidades, así como o impulso ao Plan Municipal de Vivenda, centrado na rehabilitación, na vivenda pública e na colaboración interadministrativa. “Sen acceso á vivenda non hai retorno da xente nova nin futuro posible”, afirmou, subliñando a necesidade de seguir activando ferramentas que faciliten proxectos vitais en Lugo.
No ámbito das infraestruturas e das conexións estratéxicas, o alcalde destacou actuacións clave como o desdobramento da Avenida Infanta Elena, xa finalizado, e a súa conexión cos polígonos industriais, mellorando a mobilidade e a competitividade económica da cidade. Nesta mesma liña situou a mellora da Avenida Adolfo Suárez, na zona da Fervedoira, así como as actuacións vinculadas á estación intermodal e ao paso de cidade, chamadas a “superar illamentos históricos e avanzar cara a unha cidade máis cohesionada e integrada”.
O discurso tamén puxo o acento na importancia duns servizos públicos eficaces e próximos, coa posta en marcha do Plan Áxil para mellorar a resposta ás pequenas incidencias do día a día. Miguel Fernández lembrou que “un modelo de cidade só é crible se funciona no cotián”, facendo referencia á calidade da limpeza urbana, ao coidado das zonas verdes e á atención continuada ao rural, cunha presenza constante nas parroquias e investimentos en alumeado, viarios e servizos básicos.
No plano institucional, o alcalde reivindicou a lealdade e a cooperación como método de goberno, pero tamén a defensa firme dos intereses de Lugo cando outras administracións non cumpren cos seus compromisos. “Lugo non pide privilexios; pide igualdade, respecto institucional e feitos”, afirmou, reclamando financiamento real e calendarios serios para proxectos estratéxicos bloqueados desde hai anos.
Un balance, en definitiva, que debuxa unha cidade con estabilidade, cun proxecto coherente e cunha folla de ruta clara. “Lugo sabe de onde vén, ten claro onde está e non renuncia a decidir cara onde quere ir”, concluíu Miguel Fernández, reafirmando o compromiso do Goberno local cun futuro construído desde a planificación, a cooperación e o liderado compartido.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o Consorcio do Centro Histórico | Descargar mp3

