O encontro permitiu analizar a mellora da mobilidade peonil de Róldaa Norte, a intervención en Nadela, a posta a punto do Puente Blanco e o futuro ferroviario de Lugo.
A reunión celebrada na Delegación do Goberno encádrase na liña de traballo constante que mantén o Concello co Executivo central para mellorar infraestruturas e mobilidade, cunha colaboración reforzada polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
“O Goberno de España está a facer o maior investimento da historia de Lugo e queremos seguir avanzando da súa man”, destacou o alcalde.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo unha reunión de traballo co secretario de Estado de Transportes e Movilidad Sostible, José Antonio Santano Clavero, na Delegación do Goberno en Galicia. No encontro participou tamén o delegado do Goberno, Pedro Blanco. A reunión, programada desde hai semanas, permitiu avanzar en proxectos de futuro para mellorar as comunicacións e infraestruturas da cidade, reafirmando o compromiso do Executivo central co desenvolvemento de Lugo.
“Estamos a traballar para dar resposta ás necesidades reais da nosa cidade, avanzando en actuacións concretas que melloran a mobilidade, a calidade urbana e a conexión de Lugo co resto do territorio”, subliñou o rexedor.
Entre os asuntos tratados, Miguel Fernández propuxo mellorar a mobilidade peonil sobre Rólda Norte. Tamén se abordou a intervención prevista na glorieta de Nadela coa renovación da iluminación xa comprometida polo Ministerio e asumindo o Concello de Lugo o custo da enerxía. Igualmente, tratouse a cesión da travesía de Calde da N-540 que está pendente desde 2021. Ademais, avaliouse o calendario previsto para acometer a posta a punto do Puente Blanco, coa súa limpeza, reparacións e mellora estética previa á súa cesión ao municipio. E analizouse o futuro do ferrocarril na cidade.
Miguel Fernández agradeceu a receptividade do Goberno de España ás propostas do Concello: “O maior investimento estatal da historia da cidade é froito do traballo conxunto e da vontade de colaborar para avanzar. Desde o Concello seguiremos traballando da man do Goberno central para facer realidade os proxectos que Lugo leva tempo esperando”.
O Ministerio de Transportes amosou o seu interese polo desenvolvemento da cidade. Neste sentido, o secretario de Estado confirmou a súa intención de visitar proximamente Lugo para reforzar a coordinación entre administracións.

