A Mesa de Contratación propón a adxudicación da realización do proxecto da nova sede da Policía Local en Sanfiz

Martes, 17 de marzo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Trátase dun edificio funcional e integrado no espazo

O Concelleiro de Protección da Comunidade e Réxime Interior, José Rábade,  presentou hoxe o anteproxecto seleccionado para a construción da nova sede da Policía local. A Mesa de Contratación reuniu a un Comité de Expertos para propor a adxudicación do proxecto á empresa Mestura por un orzamento total 3.171.449 euros. O Comité seleccionado estaba integrado por:

- José Manuel Casabella director da Escola de Arquitectura da Universidade de A Coruña

- Un representante do COAG

- Arquitectos municipais

Á convocatoria do concurso de ideas presentáronse catro estudos de arquitectura e resultou seleccionado este por:

- A súa calidade arquitectónica e estética, adecuación dos espazos ao programa de necesidades

- A facilidade de circulación de persoas e vehículos

- A sostibilidade e aforro enerxético

O edificio ubícase nunha nova área de expansión urbana sita na zona sur da cidade que presenta unha adecuada conexión coas principais arterias da cidade de modo que a conectividade co resto da cidade queda garantida. A parcela na que se situará o novo edificio conta cunha extensión de 3.279 metros.

O anteproxecto plantexa un edificio cun retraso da aliñación vial coa intención de xerar un amplo espazo, unha praza exterior de acceso. A estrutura establécese en forma de U arredor dun patio que articula e xerarquiza os diferentes usos, aportando iluminación aos principais  percorridos interiores e facilitando a transición do espazo exterior cara o interior do edificio.

Esta estrutura permite diferenciar a ubicación das dependencias da policía local e protección civil xa que aínda que comparten algunhas áreas como é o ximnasio e a sala polivalente, requiren un funcionamento completamente independente. Esto é posible grazas a unha clara sectoralización das plantas baixa e primeira  tanto a nivel de circulación de interiores  como na configuración volumétrica do edificio.

A complexidade do programa de necesidades que plantexa este tipo de edificios e necesaria convivencia de dous servizos que requiren un funcionamento independente, suxeriu unha proposta volumétrica e distributiva dotada de cierta flexibilidade para absorber posibles variacións de necesidades e permitindo a ampliación da superficie construída.

Os encargados do anteproxecto procuraron a máxima flexibilidade distributiva e de adaptabilidade da planta que conta cunha modulación que permite a alteración no uso dos espazos en previsión  de necesidades de cambio de dimensión de cada un dos servizos.

Estrutura:

-A planta soto conta con espazos para arquivos, sala de tiro, aparcamento e dous almacéns.

- Módulo da Policía Local:
Planta primeira: Na que estará situada a Oficina de Atención ao Cidadán, os vestiarios, a sala de designación de servizos, xunta xeral, academia e biblioteca, e diferentes oficinas.
Planta segunda: Zona administrativa con despachos para os diferentes servizos deste corpo de seguridade, sala de xuntanzas, sala integral, sala de control de tráfico e salas de espera para esta zona administrativa, etc.

-Módulo de Protección Civil:
Planta baixa: Sala de xuntas e emerxencia, unha oficina administrativa, despacho técnico
Planta alta: zona para emerxencias con: dormitorios para 16 persoas, sala de descanso, comedor, office.

Na planta alta os dous módulos comparten o ximnasio.

Mestura Arquitectes, S.L.P
Sociedade constituída en Barcelona en decembro de 2005 formada por Humbert Costas Tordera, Manuel Gómez Triviño, Jaime Blanco Granado, Carlos Durán Bellas e Josep M. Estapé y de Roselló.

Conta como clientes con diferentes Concellos catalanes como o de Barcelona, Cornellá de Llobregat ou L´Hospitalet, tamén traballou para diferentes departamentos da Generalitat de Catalunya, a Deputación de Barcelona e de Lleida, para a Fundación Obra Social Caixa Catalunya, Federación Catalana de Vela, a universidade de Lleida ou a Universitat Politécnica de Cataluña, entre outros.

Entre os últimos traballos deste equipo de arquitectos se atopan:

- Comisaría dos Mossos D´escuadra en Gracia (Barcelona)
- Comisaría dos Mossos D´escuadra en Reus (Tarragona)
- Edificio Judicial en Figueres
- Centro penitenciario Brians.2 en Sant Esteve Sesrovires (Barcelona)
- Instituto de Ciencias Fotónicas ICFO en Castelldefels (Barcelona)

Mestura Arquitectes conta con experiencia en proxectos e direccións de obra relacionadas co ámbito do concurso como a Comisaría de Guardia Urbana de Lleida, o parque de bombeiros de Gavá (Barcelona), e as comisarías de Gracia e Reus xa  mencionadas, entre outros.

Multimedia

Noticias relacionadas