Méndez Romeu anuncia que se iniciarán conversas para a comarcalización do Parque de Bombeiros de Lugo

Mércores, 14 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A reforma da Lei de Función Pública profesionalizará a Administración, reducirá a temporalidade e introduce medidas sociais

As áreas metropolitanas non detraerán competencias doutras administracións, senón que pensarán no territorio económico

Santiago, 17 de setembro de 2007.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, anunciou hoxe que se decidiu iniciar de inmediato as conversas para que o servizo Contra Incendios e Salvamento de Lugo -o parque de bombeiros- preste servizos de carácter comarcal coa colaboración económica da Xunta de Galicia, “permitindo así que un servizo que funciona ben para os habitantes deste concello, estenda a súa eficacia e a súa tarefa de protección a un ámbito máis amplo dentro do entorno periurbán da cidade de Lugo”.

Segundo o conselleiro, isto “forma parte dun proxecto máis ambicioso de extensión a toda a provincia dun servizo máis profesional”. Romeu explicou que espera tratar este asunto en próximas datas e máis extensamente co presidente da Deputación de Lugo, ao cal xa se lle enviou hai algunhas semanas o estudo técnico “que debe ser a base de calquera decisión”, segundo indicou o conselleiro. Con isto, Méndez Romeu subliñou que “estamos proseguindo a liña que os cidadáns demandan: a cooperación entre administracións para conseguir entre todas o mellor servizo ao cidadán, que ao final é o que xustifica a presenza das administracións e a nosa dedicación á dirección dos organismos públicos”.

Ante preguntas dos xornalistas sobre o territorio que cubrirá esta comarcalización do servizo de bombeiros, o conselleiro explicou que en principio se refire á comarca de Lugo, pero que a partir de hoxe serán os técnicos de ambas administracións os que comecen a discutir os detalles.

Ademais, o conselleiro indicou que hai “un estudo global de como debe ser, un estudo óptimo de cobertura en Galicia, estudo global que foi trasladado ás diferentes deputacións provinciais e que está sendo posto en coñecemento dos alcaldes das grandes cidades” e, a partir de aí, segundo o conselleiro “hai que ver a situación concreta de instalacións, de equipamento e de plantilla para axustar a nova extensión comarcal ás necesidades concretas da poboación dun territorio, neste caso a comarca de Lugo, e ás características concretas dos servizos que ten o concello de Lugo”.

Posta en marcha da Oficina 060 de Lugo

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, fixo hoxe estas declaracións na inauguración da Oficina Integrada de Atención ao Cidadán do 060 de Lugo. Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta polo proceso de modernización administrativa e pola mellora dos servizos ofertados á cidadanía.

Méndez Romeu dixo hoxe que o 060 “ten o obxectivo de que, nunha mesma oficina, calquera cidadán poida resolver calquera trámite relacionado co seu Concello, coa Xunta ou coa Administración do Estado, ter información, entregar un documento e recibir unha resposta axeitada ás súas necesidades”. Méndez Romeu lembrou que este novo servizo, que tamén funciona telefonicamente a través do número 060, inaugurase hoxe en Galicia nas instalacións do Concello de Lugo e que, nos próximos meses, haberá outras oficinas nas sedes da Administración do Estado, nas sedes da Xunta de Galicia e nas diferentes cidades galegas “sempre que os seus alcaldes amosen a mesma vontade de colaboración que vén amosando o alcalde de Lugo”, segundo explicou o conselleiro.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, José López Orozco, indicou que "somos a primeira cidade de Galicia en adherirnos ao servizo 060 coa que melloraremos a nosa atención aos cidadáns e cumprimos coa obriga da Administración Local de modernizarse". O alcalde explicou que esta adhesión significa cumprir co compromiso acado polo equipo de Goberno para facilitarlle os trámites administrativos aos cidadáns lucenses.

O 060 de Lugo estrutúrase coma unha oficina de contacto que levará a cabo tarefas de prestación de servizos de nivel primario consistentes na recepción, rexistro e remisión de comunicacións do cidadán. Polo tanto, admitirá a presentación de solicitudes, escritos ou comunicacións dirixidas aos órganos da Administración Xeral do Estado, da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo – que son os tres niveis administrativos existentes-.

Con esta iniciativa téndese á simplificación e á integración dos trámites e procedementos administrativos e á compatibilidade e interoperatividade dos sistemas de información que soporte. Así, facilítanse as relacións dos cidadáns coas diferentes Administracións Públicas e posibilítase o acceso dos habitantes de entidades locais a un sistema rexistral intercomunicado que lles evita desprazamentos e inconvenientes para relacionarse co Estado e coa Xunta. Na delegación provincial de Lugo da Consellería de Presidencia este servizo xa está operativo e, proximamente, a subdelegación do Goberno tamén se incorporará á rede 060.

A Xunta considera que ten o deber de atender á cidadanía ofrecéndolle servizos accesibles xa que todos os cidadáns son potenciais usuarios dos mesmos na medida en que se ven beneficiados directa ou indirectamente. Este é o obxectivo do establecemento dunha rede de espazos comúns – modos ou canais polos cales os cidadáns poidan acceder a informacións e a servizos públicos - de atención ao cidadán que permita a prestación de servizos integrados de información, orientación e tramitación sobre aspectos da actividade administrativa.

Búscase así o desenvolvemento dun novo modelo das relacións entre os cidadáns e as Administracións e un novo concepto de prestación de servizos que satisfaga as necesidades da sociedade.

Esta iniciativa despréndese dun convenio asinado entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para a implantación dunha rede de Oficinas Integradas de Atención ao Cidadán no ámbito territorial galego.

Lei da Función Pública

A preguntas formuladas polos xornalistas, Méndez Romeu sinalou que hoxe entra en vigor unha lei de reforma de Función Pública que tenta uns obxectivos moi concretos. En primeiro lugar, segundo indicou o conselleiro, cumprir os compromisos do programa de Goberno: profesionalizar máis a administración eliminando ao máximo as libres designacións nos postos directivos, o que significará que, nos próximos meses, máis de 1.000 postos que hoxe se cobren discrecionalmente polo poder político – e que se corresponden con postos directivos, xefaturas de servizo, etc. - sexan cubertos a partir de agora mediante concurso de méritos, como un procedemento normal dentro da administración. En segundo lugar, Méndez Romeu explicou que a lei vai permitir un proceso de redución importante da temporalidade. Neste sentido, o titular de Presidencia indicou que a Xunta ten unha cifra elevadísima de persoal en condicións de temporalidade, interinos, contratos temporais, etc. que significa practicamente que un de cada 6 empregos non ten estabilidade. A lei abrirá, por iso, un proceso que permitirá, dentro dos requisitos da lexislación vixente, a consolidación dese emprego, tal e como declarou o conselleiro. En terceiro lugar, Méndez Romeu dixo que a lei introduce un conxunto moi importante de medidas sociais que cobren distintas situacións, dende a mellora do acceso para persoas con discapacidade – proceso que, segundo o conselleiro, ata agora ten fracasado porque hai un número moi baixo de persoas con discapacidade traballando na Administración e, por iso, se contemplan unha serie de medidas para impulsar isto- ata un conxunto de medidas para dar resposta a distintas situacións persoais, familiares e de xénero que poidan presentar os funcionarios ao longo da súa dedicación profesional.

Polo tanto, “é unha lei que aborda problemas importantes, problemas estruturais e problemas que están adaptados xa á última reforma da lexislación do Estado que é o Estatuto Básico do Empregado Público”, segundo Méndez Romeu. O conselleiro de Presidencia aclarou que dentro dese estatuto inclúese unha cláusula de recoñecemento, de consolidación, dentro da carreira administrativa a aqueles funcionarios que teñan ocupado determinados postos de dirección da administración ou de representación e alta dirección das administracións públicas. É dicir, “dáse carta de natureza hoxe ao que está marcado na lexislación estatal e que está vixente, cunha formulación algo distinta, na maioría das administracións dende hai unha década. Iso significa, para eses funcionarios, que non van ser discriminados por ocupar postos na dirección da administración e van ter un recoñecemento salarial que xa tiñan, que viñan recibindo e que agora vai ser incrementado en 3.000 euros anuais brutos”, segundo declarou o conselleiro.

Áreas metropolitanas

O titular de Presidencia, ante as preguntas dos xornalistas sobre a Lei de áreas metropolitanas, declarou que o Goberno vai aprobar nas próximas semanas as directrices da ordenación do territorio, un documento marco que organiza os niveis territoriais nos que se deben planificar os servizos públicos –medioambientais, de estradas, de transportes, etc-. Paralelo a ese proceso haberá, segundo o conselleiro, unha estruturación formal das áreas metropolitanas e, no seu momento, das áreas urbanas que rodean ás grandes cidades de Galicia “para establecer, sobre todo, espazos para a planificación, foros de encontro, onde os responsables institucionais –os alcaldes- e os das organizacións económicas, sociais e académicas poidan debater sobre os obxectivos estratéxicos dun territorio, poñelo en visibilidade e que iso poida ser presentado, defendido e que dea lugar a axudas nas diferentes administracións, mesmo na Unión Europea”. Segundo o conselleiro, “non estamos a falar de reordenar competencias, de detraer competencias de ningunha administración, senón de crear un instrumento que faga o que hoxe non se fai suficientemente: pensar o territorio económico, o territorio real da vida económica e social, que non sempre se corresponde exactamente co marco administrativo dos concellos”. Méndez Romeu dixo que desexaba que se acadase un amplo consenso.

Noticias relacionadas