Os predios están ubicados por toda a cidade, en zonas como a Avenida da Coruña, San Fiz, todo O Carme e Angelo Colocci. Vinte propietarios xa procederon á súa limpeza
O edil Álvaro Santos agradece as tarefas realizadas e chama á implicación da veciñanza para manter unha cidade coidada e os soares en perfecto estado de salubridade
De non atender aos requirimentos, o Concello actúa de xeito subsidiario, con cargo aos propietarios e previa imposición de sancións, que oscilan entre 1.000 e 10.000 euros
- Tema

A concellería de Medio Ambiente leva iniciados 220 expedientes de parcelas e soares na zona urbana que non se atopan en perfecto estado de conservación. Nas últimas semanas, o edil responsable, Álvaro Santos, asinou un total de 96 decretos para instar aos propietarios a que manteñan limpos e rozados estes espazos.
Actualmente, os donos xa procederon a adecuar 20 parcelas nos prazos fixados nas notificacións, “unha cifra que é ascendente”, segundo o concelleiro, que agradece aos “propietarios as tarefas levadas a cabo”.
Os expedientes son relativos a terreos que se sitúan por todo o municipio, entre as que se encontran San Fiz, a Avenida da Coruña, Ángelo Colocci e toda a zona de O Carme. Nos requirimentos se lles lembra aos propietarios a súa obriga de mantelas en condicións adecuadas, e advírteselles de que, de non facelo, se procederá á imposición de sancións, que oscilan entre os 1.000 e os 10.000 euros, multas que xa se comezaron a enviar.
Se a pesar diso non cumpre coa súa obriga, o Concello actuará de xeito subsidiario, repercutíndollelo gasto.
O obxectivo non é outro que o de manter o estado de conservación dos soares, así como das zonas e bens próximos. “Todos debemos implicarnos en manter a cidade coidada e en condicións de salubridade e máis nestes tempos de emerxencia sanitaria”.
O maior problema á hora de desenvolver os expedientes é localizar aos propietarios, pero o Concello realiza un labor de inspección constante.
O procedemento: multas ou execución subsidiaria
O procedemento ábrese cunha denuncia previa da cidadanía ou de oficio, tras a que se identifica ao titular a través do Catastro.
Unha vez identificado o propietario, ábrese un expediente, polo que posteriormente se lle notifica, iniciándose un prazo de audiencia de 15 días, onde poden presentar alegacións ou proceder á limpeza dos terreos. Transcorrido este tempo, compróbase se a orde de limpeza se executou. De ser así, conclúe o expediente e, senón, concédese unha audiencia de 10 días para que alegue os motivos. De non contestar, procederase á imposición dunha multa coercitiva que irá dos 1.000 aos 10.000 euros, reiterables trimestralmente, ata lograr a execución das obras ordenadas que serán inspeccionadas polos servizos municipais correspondentes.
O Concello ten outra vía de execución, a subsidiaria, é dicir, acometer as actuacións e pasarlle a factura ao propietario, un expediente independente que podería abrir en calquera punto do procedemento anterior, o que levaría consigo a interrupción deste.
Audio
- O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre os expedientes dos soares | Descargar mp3