Medio Ambiente comeza coas probas piloto na xestión intelixente dos residuos urbanos, coa que espera un aforro superior aos 600.000 euros

O concelleiro Álvaro Santos supervisará a instalación de 100 sensores volumétricos nos colectores con sensores de enchido, que optimizarán a recollida e reducirán o impacto medioambiental a próxima semana

Sábado, 31 de agosto de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os colectores instalaranse en setembro, unha vez finalicen as analises   A concellaría de Medio Ambiente, dirixida polo edil Alvaro Santos, comezará a próxima semana as probas piloto encamiñadas a desenvolver unha xestión intelixente dos residuos sólidos urbanos, equipados con sensores que miden o volume e enchido dos mesmos. As fraccións de residuos elixidas para esta experiencia piloto son envases lixeiros e papel. Ademais, aproveitarase esta experiencia piloto para o inicio de cambio de sistema de recollida de papel, pasando de carga superior a carga lateral dos contedores, aumentando así a eficiencia da mesma, debido a que os ciclos de carga son menores e conséguese un maior número de contedores por xornada, aliviando así as disfuncións provocadas pola caída do prezo do papel, que supuxo un gran aumento de entrada de cartón comercial no sistema de residuos domiciliarios.
 
Alvaro Santos explica que “A colocación dos sensores comezará o xoves día 5, xunto ca realización de diferentes probas na nave do servizo como é a cobertura de datos e funcionamento das comunicacións co sistema, elevación dos contedores co sensor xa instalado, enchido parcial dos mesmos para comprobar o comportamento, estudos necesarios con carácter previo á súa instalación na rúa”.
 
A obtención de información sobre o estado de cada colector mellorará a recollida de residuos xa que os camións optimizarán as súas viaxes sen ter que pasar por colectores medio baleiros e recollerán os cheos con máis axilidade. Isto evitará impactos ao medio ambiente e axilizará o tráfico ao reducir o paso de camións.  
 
Outros beneficios serán a redución de combustible e, con iso, as emisións de CO2, así como a  diminución dos tramos da contaminación acústica, que se produce xeralmente en horario nocturno. Tamén permitirá un mellor despregamento e planificación da cantidade óptima de colectores en cada un dos puntos de recollida.
 
O concelleiro Alvaro Santos, supervisará a instalación dos colectores, sostén que, unha vez que se monitorice toda a información nesta experiencia piloto e que se implante na súa totalidade na cidade e no rural, se calcula un aforro no servizo, que se paga por desprazamento e tonelada recollida, superior aos 600.000€.
 
Por outra parte o concelleiro confirma que “Os contedores unha vez finalizadas as probas colocaranse na zona de Aguas Férreas e Acea de Olga, por facilidade de manobra na colocación, maior dispersión dos roteiros para posteriores medicións de cobertura, e estabilidade na produción de residuos”
 
Estes novos colectores tamén se terán en conta para a licitación dos novo servizo de recollida de lixo.
 
A acción se enmarca dentro da estratexia de Smart City posta en marcha no anterior mandato pola alcaldesa Lara Méndez. Neste caso, non só se avanza nun modelo de cidade intelixente senón tamén nun modelo de municipio respectuoso co medio ambiente e á vangarda das solucións sostibles, o que suporá unha mellora do benestar e da calidade de vida da veciñanza lucense.  
 
 Coa estratexia Smart City, o Concello de Lugo busca involucrar aos veciños e veciñas nos procesos administrativos da institución e mellorar a prestación de servizos públicos locais a través de cambios nos modelos de xestión apoiados nas TIC.  
 
Por iso, ademais de coa recollida de residuos sólidos urbanos, estase traballando xa na implantación da Administración Electrónica, en sistemas de xeolocalización para a conseguir aparcadoiros intelixentes e buscando a eficiencia enerxética en edificios públicos e o alumeado público, tanto no entorno urbano como rural.   O proxecto Smart City conta cun orzamento  de 4.112.801 euros, financiado nun 60% cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER),mentres que o Concello de Lugo aporta o financiamento (1,6 millóns de euros).

Noticias relacionadas