A edil de Cultura acordou a celebración do Día da Infancia no recinto feiral, día no que todas as barracas contarán con prezos reducidos.
O Feiral terá actividade entre o 26 de setembro e o 12 de outubro.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo un encontro con representantes dos barraquistas que encherán os postos do Recinto Feiral do San Froilán. A edil de Cultura afirmou que o recinto feiral do San Froilán 2025 estará aberto entre o 26 de setembro e o 12 de outubro, e que este ano se volverá celebrar o Día da Infancia "unha proposta das e dos empresarios do sector, que permitirá contar con prezos reducidos nos distintos postos", explicou Maite Ferreiro.
"A escoita activa e o diálogo cos sectores implicados é clave para un San Froilán que beneficie ás persoas que traballan e tamén ás que o visitan", explicou Ferreiro, quen valorou moi positivamente o acordo alcanzado dende a concellería de Cultura para contar con esta xornada a prezos reducidos.
A semana pasada a Xunta de Goberno aprobou as bases que rexerán a concesión dos espazos do recinto feiral. Serán en total 160 parcelas entre stands de venta, xogos de habilidade e atraccións, con distintos prezos de licitación segundo o tamaño e o obxectivo de cada espazo. O posto con prezo de saída máis baixa será de 160€, correspondente a un dos stands de venta de Rodríguez Mourelo, e o máis caro será unha atracción nas costas do Parque, de 43x19 metros, que terá un prezo de saída de 13.643€.


