As subvencións, enmarcadas no Plan Estratéxico para o período 2020, irán dirixidas tanto a axudar a sufragar os gastos xerais como ao desenvolvemento de actividades.
O prazo de presentación de solicitudes é dende o 20 de xullo ao 9 de agosto.
Poderán optar a estas axudas todos os clubs e asociacións legalmente constituídos e domiciliados no Concello, que deben estar inscritos no Rexistro Municipal de asociacións.

Máis de 35 entidades deportivas e asociacións sen ánimo de lucro participaron esta semana na videoconferencia organizada polo Concello de Lugo, dende a área de Deportes para informar sobre as axudas para a promoción e o fomento do deporte lucense de 317.000 euros que o goberno de Lara Méndez puxo en marxa para o período 2020.
O concelleiro Mauricio Repetto, incidiu na importancia de “promover e fomentar o deporte e a actividade física no concello de Lugo a través destes fondos”. O edil valorou moi positivamente o encontro telemático pola “alta participación das entidades deportivas lucenses” e puxo de manifesto o alto interese xerado e a boa acollida dos participantes.
Durante a reunión telemática, explicaron polo miúdo as bases do plan e resolveron diferentes dúbidas en canto á solicitude e tramitación das axudas, que se poderán presentar ata o vindeiro 9 de agosto. Ademais de lembrar que tamén poden consultar na páxina web do Concello (www.concellodelugo.gal), no apartado correspondente a subvencións, xunto coas bases e anexos desta subvención.
Os e as interesadas poderán presentar as súas solicitudes por medios electrónicos, a través da sede electrónica do Concello de Lugo (www.lugo.gal), no prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da provincia.