Lugo sumarase á Rede de cidades pola vida e contra a pena de morte

O Pleno acordou unha declaración institucional, a proposta da Alcaldesa, para adherirse a esta rede, “ o que pode contibuír a aumentar o respecto á vida e á dignifidade humana en calquera lugar do mundo”

O Concello respalda a proposta de Amnistía Internacional e da Comunidade de San Egidio de adhesión a esta rede, e cada 30 de novembro celebrarase unha xornada cidadá de rexeitamento á pena capital

Un ano máis, Lugo impulsa unha declaración institucional contra a violencia de xénero, que asasinou a máis de 800 mulleres dende o ano 2003. O Pleno gardou ao seu comezo un minuto de silencio polas vítimas desta lacra social

Xoves, 24 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo sumarase á Rede de cidades pola vida e contra a pena de morte

O Pleno ordinario deste xoves aprobou unha declaración institucional, a proposta da Alcaldesa, Lara Méndez, para que Lugo se sume á Rede de cidades pola vida e contra a pena de morte. Deste xeito, o Concello respalda a proposta de Amnistía Internacional e da Comunidade de San Egidio de sumarse a esta rede, que pode contibuír a aumentar o respecto da vida e da dignidade humana en calquera lugar do mundo. A declaración comparte tamén que cada 30 de novembro se celebre unha xornada cidadá de rexeitamento á pena capital.

O Concello comprométese a facer que esta adhesión se converta nun motivo de maior responsabilidade, e a traballar en todos os ámbitos da súa competencia para  que se creen espazos de información e sensibiliación adecuados sobre os motivos do rexeitamento da pena de morte e sobre o avance da campaña abolicionista ao redor do mundo.

Na sesión deste xoves, que arrincou cun minuto de silencio polas vítimas de violencia machista e coas concelleiras e concelleiros de distintos grupos políticos lucindo a camiseta de Lugo En Negro, tamén se abordou unha declaración institucional contra a violencia de xénero, que asasinou a máis de 800 mulleres dende o ano 2003, data que marca o inicio da recompilación de datos oficiais. No documento, impulsado polo Goberno con propostas doutros grupos da Corporación Municipal, recóllese a necesidade de dotar suficientemente ás partidas orzamentarias que se viñeron recortando nos últimos anos, especialmente nos recursos destinados á prevención e á asistencia social das vítimas, así como a dotación de recursos para garantir a eficacia da Administración de Xustiza. Recóllese ademais a necesidade de ampliar a Lei integral contra a violencia de xénero.

Neste Pleno ordinario tamén se acordou, por unanimidade, solicitar a declaración do Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Nacional.

Multimedia

  • Lugo sumarase á Rede de cidades pola vida e contra a pena de morte
  • Lugo sumarase á Rede de cidades pola vida e contra a pena de morte

Noticias relacionadas