Lugo seduce ao empresariado catalán atraído pola Estratexia de diversificación económica ‘Lugo Transforma’ que impulsa Lara Méndez

A rexedora recibiu hoxe no Concello a unha delegación de empresarios de Barcelona, interesados en coñecer, de primeira man, a proxección das iniciativas municipais.

Logo de reunirse na Casa Consistorial visitaron, guiados pola alcaldesa, o edificio Impulso Verde, referente a nivel nacional da construción pública en madeira de orixe local.

Luns, 19 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo seduce ao empresariado catalán atraído pola Estratexia de diversificación económica ‘Lugo Transforma’ que impulsa Lara Méndez

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe ao empresariado catalán o modelo de transformación económica impulsado polo Goberno local, dando continuidade, así, ás reunións que a rexedora mantivo co sector durante o ano pasado en Barcelona.

A xuntanza, como a mesma Lara Méndez indicou, tivo a súa orixe no elevado interese que están a suscitar as iniciativas municipais entre o empresariado galego no exterior, nomeadamente a Estratexia Lugo Transforma, “motivo polo que nos solicitaron o encontro”, explicou.

Deste xeito, a alcaldesa recibía esta mañá, na Casa Consistorial, xunto ao rexedor do Distrito de Nou Barris, Xavier Marcé, ás e aos representantes das asociacións San Froilán BCN (Manuel Fouce, Domingo Díaz e Ramón Rey); Enxebre Xuntanza do Percebe (Silvestre Castro e Luis López); Territorio Verde e Amega, a Asociación Mundial de Empresarios Gallegos (Filomena López); Skal Internacional BCN Turismo (Domingo García); Aegacat, a Asociación de Empresarios Gallegos de Catalunya (Iñaki San Esteban); Área 8, relacionada coa dixitalización e a industria 4.0 (Baltasar Pozuelo); Aegama, a Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (Fernando Rodríguez) e da Xuntanza de Asociaciones Culturales Gallegas en Catalunya e Clúster Audiovisual de Girona (Xosé Carlos García).

A mandataria local tivo oportunidade de trasladarlles os avances acadados dentro do Lugo Transforma, “ao que destinamos 13 millóns de euros – un deles de investimento privado - que naceu coa vocación de pular pola diversificación industrial, atraer novos negocios e, sobre todo, xerar emprego de calidade en sectores estratéxicos de alto impacto social e medio ambiental”.

“Neste momento o Comité de Investimentos analiza a viabilidade das máis de 30 propostas de negocio que se presentaron para avaliar se son coincidentes coas señas de identidade nas que se asenta a nosa marca dun Lugo sostible, á vangarda da economía verde e circular”, engadiu Lara Méndez ao tempo que aludiu, así mesmo, aos progresos experimentados no seo da Mesa para a Diversificación Industrial “coa que buscamos crear un espazo de acordo entre os colectivos económicos, políticos, sociais e institucionais da cidade para incrementar o noso atractivo empresarial”.

A este respecto, a rexedora fixo fincapé no feito de que Lugo sexa xa unha cidade punteira – como así se está a recoñecer nacional e internacionalmente - contra o cambio climático. Un liderado que exerce a través do aproveitamento de recursos propios e dentro do cal se atopa a aposta decidida do seu Executivo polo sector forestal como piar da recuperación económica do municipio e da madeira como elemento construtivo.

Precisamente, Lara Méndez lembrou que Lugo é, xunto a Cuenca e Barcelona, un dos tres concellos pioneiros en impulsar a creación da Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada - Mas Madera - presenta este verán. Unha plataforma integrada por laboratorios, gabinetes de arquitectura, empresas forestais, de enxeñería e montaxe, industrias especializadas e tamén promotores, Star Ups e organizacións públicas que ten por obxectivo tecer redes colaborativas que axuden a acelerar o uso deste material como solución á redución de emisións asociadas co sector da edificación.

Ademais, a alcaldesa deu conta de que a viaxe da delegación barcelonesa a Lugo culminará cunha visita ao edificio Impulso Verde, emblema do que será o primeiro barrio multiecolóxico de todo o país que se constrúe 100% con madeira local, “o que nos converte en referentes das urbes do futuro, con capacidade para afrontar os retos que aveciña o cambio climático mediante recursos propios cos que, á súa vez, contribuímos non só á conservación do planeta, senón tamén á dinamización produtiva do territorio”, sostivo a rexedora.

Antes de rematar, Méndez subliñou a importancia que, en materia de comunicacións e infraestruturas, suporá para o municipio o compromiso acadado do Goberno Central para incluír a Lugo no Corredor Ferroviario de Mercadorías, “o que nos permitirá estar mellor conectados non só co resto de España senón tamén coas principais capitais galegas, incrementado a nosa competitividade”.

Para concluír, a alcaldesa lucense cualificou a xornada de hoxe como “moi produtiva”. “Estamos seguros de que este será só un dos moitos encontros que manteremos co empresariado catalán para tender sinerxías e propiciar que poidan asentar algúns dos seus proxectos no noso concello, estreitando todavía máis os lazos que nos unen con esta localidade á que tantos galegos e lucenses leva acollido”, finalizou Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Encontro de Empresariado de Barcelona | Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo seduce ao empresariado catalán atraído pola Estratexia de diversificación económica ‘Lugo Transforma’ que impulsa Lara Méndez

Noticias relacionadas