Lugo, Oviedo e Santiago reivindican o Camiño Primitivo como nexo de unión e a necesidade de poñelo en valor

Lara Méndez, Wenceslao López e Martiño Noriega presidiron os actos do día dedicado a este Ben Mundial nas festas do San Froilán, unha data que o Goberno quere oficializar no marco destes festexos

Martes, 11 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, Oviedo e Santiago reivindican o Camiño Primitivo como nexo de unión e a necesidade de poñelo en valor

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os rexedores de Oviedo e Santiago, Wenceslao López e Martiño Noriega, respectivamente, presidiron os actos conmemorativos do Día do Camiño Primitivo, que este ano Lugo lle dedica a este Ben Mundial dentro da programación do San Froilán, un día que o Goberno quere oficializar para o resto de edicións dentro do marco destes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional. Os actos arrincaron cun truco de maxia a pé da Porta de San Pedro, e un paseo por esta ruta xacobea ao seu paso pola cidade, dende este punto ata Porta Miñá. Posteriormente, tivo lugar a recepción na Casa Consistorial, seguida dun paseo polo recinto feiral e unha comida nas casetas do polbo. Nos actos tamén estiveron presentes o rexedor de Baleira, Ángel Enrique Martínez-Puga, o de Castroverde, Xosé María Arias, o tenente de Alcalde da Fonsagrada, José Ángel Fernández, así como edís de todos os grupos políticos da Corporación Municipal de Lugo, e concelleiros de Oviedo e Santiago.

Na súa intervención, a rexedora fixo fincapé na necesidade de poñer en valor de xeito común o Camiño de Santiago máis antigo, o Camiño Primitivo, declarado o ano pasado pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, “unha oportunidade para as nosas corporacións e os nosos pobos, para que poidamos contribuír ao seu desenvolvemento”. Nesta liña, Lara Méndez lembrou a unión de Lugo con Santiago, “a meta, o obxectivo a conseguir por cada peregrino”, e con Oviedo, “unha cidade chea de galegos e leoneses que tiñan que decidir na súa peregrinaxe se tirar á esquerda cara a Compostela por Astorga nun camiño máis curto, ou ben facer o camiño pola súa banda tradicional”.

A rexedora luguesa aproveitou os actos conmemorativos para reivindicar, con maiúsculas, o Camiño Primitivo. “Ten que servirnos para verbalizar o que nos une, este camiño, que no pasado ano foi a cuarta vía que máis peregrinos rexistrou, preto dos 11.500; este recoñecemento internacional, que é ademais un dos sinais principais da nosa identidade e impulso da actividade económica”, subliñou Méndez, ao tempo que insistiu non só no significado relixioso que ten o Camiño de Santiago, senón tamén na súa historia. “É unha ruta cultural que inculca valores como amizade, o esforzo e a superación, valores que as administracións deben abandeirar”, asegurou a rexedora.

“Hoxe, Lugo, Oviedo, Santiago e os concellos polos que pasa esta ruta, facemos fronte común para blindar tanto a historia, como o presente e o futuro do Camiño de Santiago, sempre entendido como nexo de unión, e non de separación”, destacou Lara Méndez, quen subliñou que o labor político das tres corporacións é buscar o impulso cultural, social, patrimonial e turístico deste Camiño, “que pasa por ofrecer iniciativas conxuntas”.  

Nesta liña insistiu o rexedor de Oviedo, quen fixo fincapé no traballo en equipo e na unión para pór en valor o Camiño Primitivo ao seu paso polos distintos territorios. Neste senso, propuxo a creación dunha rede de municipios do Camiño Primitivo, onde Lugo, Oviedo e Santiago actúen como motor, para promover, planificar, xestionar e impulsar este percorrido, “algo que xa fai esta iniciativa posta en marcha hoxe polo Concello, que nos convoca en Lugo despois de trece séculos, que foi cando o primeiro peregrino, Alfonso II, fixo o recorrido do Camiño dende a capital asturiana ata Santiago, pasando por Lugo”.

Pola súa banda, Martiño Noriega subliñou a importancia de reivindicar o potencial do Camiño Primitivo nunha festa de tanto arraigo como o San Froilán. Así mesmo, tamén quixo enxalzar o peso da historia nesta ruta xacobea e o traballo conxunto entre todos os concellos vencellados ao Camiño Primitivo para difundir, divulgar e promover un camiño que ten que ser importante de aquí ao futuro.

Impulso do Camiño Primitivo
Ao longo do último ano e medio, o  Concello impulsou diversas iniciativas para divulgar e promover esta ruta. É o caso de actuacións musicais nalgún punto desta ruta ao seu paso pola cidade, o pasado ano polo San Froilán, así como rutas guiadas ao longo de verán e Semana Santa. Ademais, a semana pasada, a Xunta de Goberno aprobou a adhesión do Concello ao Manifesto e á Mesa do Camiño Primitivo.

Penúltimo día de festas
A penúltima xornadas das festas do San Froilán inclúe, ademais dos actos que homenaxean ao Camiño Primitivo, música nas rúas, a cargo de Son de Lugh e a charanga Malo Será, así como unha verbena coa orquestra Costa Dorada e os concertos de Carlos Núñez e Ana Moura. Os  DJS Seven Airwaves Lugo Baila poñerán o ritmo máis movido da noite.

Para rematar os festexos, mañá terá lugar unha feira medieval, a partires das 11:00 horas, ao carón da Catedral de Lugo. Ademais, a agrupación Airiños da Freba, a orquestra Suvecito, os Fuzzbombs, os Valuros, a banda Devandoira e o grupo Brath amenizarán o último días destas festas, que abarrotan de xentes as rúas luguesas dende o pasado martes día 4.

Multimedia

  • Lugo, Oviedo e Santiago reivindican o Camiño Primitivo como nexo de unión e a necesidade de poñelo en valor

Noticias relacionadas