Lugo comparte o seu modelo de cidade sostible na presentación de Mass Madera en Barcelona

O tenente de alcaldesa Miguel Fernández puxo en valor o liderado do Concello como unha das tres Administracións locais impulsoras da Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada.

Mércores, 05 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo comparte o seu modelo de cidade sostible na presentación de Mass Madera en Barcelona

O tenente de alcaldesa e voceiro municipal, Miguel Fernández, participou na presentación de Mass Madera en Barcelona.

O Concello de Lugo, xunto á cidade Condal e Cuenca, foron as únicas tres Administracións locais de todo o Estado impulsoras da Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada. Unha entidade que nace coa vocación de coordinar e fomentar o uso deste material como unha das poucas alternativas ecolóxicas capaces de contrarrestar o contexto de emerxencia climática actual.

Fernández aproveitou o seu paso polo Pavillón Mies van der Rohe, onde tivo lugar a Conferencia Anual EFI 2022 (European Forest Institute), para explicar a Estratexia Life Lugo + Biodinámico na que destaca, como principal referente, o edificio Impulso Verde, construído integramente en madeira. Un inmoble que será xerme do primeiro Barrio Multiecolóxico de España e que, deseñado con ferramentas como o Catálogo de Solucións Sostibles, o Plan Estratéxico Biodinámico - recentemente aprobado - ou o Estudo das Zonas de Confort Climático, pretende ser un modelo replicable a outras cidades de tipo medio.

A aposta decidida da rexedora, Lara Méndez, pola utilización da madeira como elemento estrutural na construción foi enxalzada xa durante a presentación da Rede, en Madrid o pasado mes de xullo onde as entidades asistentes a cualificaron como exemplo da urbe do futuro con capacidade para afrontar os retos mediombientais que se aveciñan con recursos propios que contribúen, á súa vez, non só á conservación do planeta senón tamén á dinamización produtiva dos territorios.

O concelleiro de Medio Ambiente, incidiu, neste sentido, en que os avances cara o uso desta materia prima no medio urbano require de estímulos que axuden a romper as barreiras que aínda frean a súa implantación por iso “resulta fundamental a aparición dunha entidade como Mass Madera que sexa capaz de conectar aos axentes do sector e ao resto de partes interesadas para propiciar sinerxías”, concluíu Miguel Fernández.

Noticias relacionadas