Ao longo da tarde, as veciñas e veciños de Lugo puideron achegarse á praza da Mosqueira para fotografiarse coa súa palabra preferida do galego, unha iniciativa da área de Cultura para "promocionar o uso da nosa lingua no seu día grande".
As e os edís da Tenencia de Alcaldía participaron coa palabra CANTAREIRA, palabra do ano 2024 que forma parte do paseo das Palabras do Ano ubicado na rúa Menorca.

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo celebra o Día das Letras Galegas cunha intensa programación cultural que terá como escenario principal a Praza Maior, convertida no epicentro da celebración da lingua e a tradición musical co concerto de Claustro Música, encargados de abrir a xornada. Ao longo da tarde, a praza Maior converteuse nun gran escenario das corais lucenses, onde as múltiples formacións, actuaron ao longo da tarde, rematando ás 20:30 cun ha actuación conxunta de todas as corais participantes, simbolizando a unión e a forza da música e da lingua galega.
A praza da Mosqueira converteuse nesta xornada nun espazo de celebración da lingua galega, habilitando un espazo no que centos de veciñas e veciños se puideron fotografiar co monumento máis importante da cidade e coa súa palabra preferida da lingua galega. As e os edís da Tenencia de Alcaldía realizaron esta acción coa palabra “CANTAREIRA”, escollida como palabra do ano 2024 e que representa a homenaxe ás mulleres que ao longo dos séculos mantiveron vivo o cancioneiro popular e a lingua do país, sendo ademais as protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, dedicado á poesía popular oral e ás creadoras de cantigas. A palabra foi incorporada recentemente ao paseo das Palabras do Ano na rúa Menorca.
A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.





