Lugo, Capital da Cultura do Eixo, ofrecerá máis de 30 programas diferentes este ano e un centenar de actividades en todas as artes

A cidade lucense acollerá o mellor das disciplinas culturais lucenses, do resto de Galicia e do norte de Portugal con accións para todos os públicos e todas as idades.

A música, a gastronomía, a literatura, a danza, o teatro, o patrimonio, a arte urbana ou as tradicións galego-lusas serán algúns dos eixos da axenda prevista de febreiro a novembro.

Ana Abelleira agradeceu a colaboración aos colectivos culturais cos que se traballou, ás institucións da cidade e aos concellos do Eixo, así como as empresas patrocinadoras.

Vázquez Mao trasladou: “A súa satisfacción e a súa felicitación á alcaldesa de Lugo e ao seu equipo pola excelente programación que deseñou”.

A candidatura presentada por Lara Méndez foi votada por unanimidade polos concellos de que integran o Eixo Atlántico para acoller a sétima edición desta cita transfronteiriza.

Martes, 14 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, Capital da Cultura do Eixo, ofrecerá máis de 30 programas diferentes este ano e un centenar de actividades en todas as artes

“Lugo, Capital da Cultura do Eixo Atlántico, ofrecerá máis de 30 programas diferentes durante este 2023 e máis dun centenar de actividades referentes a todas as disciplinas culturais e artísticas, e en todas elas se mesturará o talento lucense, do resto de Galicia e do norte de Portugal”. Así o anunciou hoxea tenenta de alcaldesa e concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, -que presentou a programación en ausencia da Alcaldesa, Lara Méndez- acompañada do secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao. “Será a gran cita cultural transfronteiriza deste ano, que se celebrará de febreiro a novembro”, incidiu Abelleira.

“O noso municipio será este ano a sede da séptima edición desta cita, o que nos permitirá situarnos no mapa cultural internacional sendo unha fiestra aberta a toda a riqueza que atesoura a eurorrexión”, subliñou a edil.

Ana Abelleira lembrou que “dende o Concello de Lugo apostamos pola cultura como un dos elementos decisivos no desenvolvemento social, económico e de identidade do municipio, a través do deseño de políticas culturais, diversas e plurais e que fomentan a capacidade creativa local, en sintonía coa nosa estratexia de cidade sostible”.

Neste senso, a concelleira destacou a proposta deseñada polo executivo de Lara Méndez para acoller esta cita. “Trátase dunha ampla oferta cultural que será de interese para a toda a sociedade e coa que esperamos fortalecer as sinerxías e a cooperación dos axentes culturais e sociais de Lugo cos distintos municipios galegos e portugueses que pertencen ao Eixo Atlántico”, apuntou.

Pola súa parte, o secretario xeral do Eixo reafirmou que “a aposta pola cultura non é só unha aposta pola creación de actividade económica, emprendemento e innovación, senón tamén un sinal de identidade e unha mostra de resiliencia fronte ás crises que levamos vivindo desde hai case unha década. Por este motivo, o diñeiro que se dedica á cultura non é un gasto senón un investimento”. Así mesmo, Xoán Vázquez Mao trasladou: “A súa satisfacción e a súa felicitación á alcaldesa de Lugo e ao seu equipo pola excelente programación que deseñou”.

Esta programación inclúe actividades de nova creación, xunto con outras xa consolidadas na cidade como o Arde Lvcvs ou o Caudal Fest. Todas as actividades, tanto as novas como as xa asentadas, contarán coa presenza da cultura de Galicia e Portugal.

Mostra disto será o evento inaugural, que acollerá o vindeiro xoves, 23 de febreiro, o Auditorio Gustavo Freire, e para o cal se porán a disposición dos/as interesados/as, a partir de mañá, mércores, as entradas, totalmente de balde, no edificio de Novas Tecnoloxías do Concello en horario de atención ao público, ata completar o aforo. “Queremos abrir o telón da Capital da Cultura unindo nun mesmo escenario o talento lucense de Abraham Cupeiro e o talento portugués da man da Filarmónica de Braga. Nesta xornada inaugural, tradición e modernidade uniranse a través do concerto conxunto do músico lucense, especialista na recuperación e reconstrución de instrumentos da anigüidade, e a orquestra lusa, que porá son á cerimonia”, avanzou Ana Abelleira.

Precisamente a música, será un dos piares da Capital da Cultura, cunha ampla e variada programación de concertos na Chanca, na contorna do río Rato, que se unirá á cita musical de referencia na cidade, o Caudal Fest, un festival xa consolidado a nivel nacional. Tamén haberá un concerto de Semana Santa a cargo da Orquestra Ars Combinatoria, acompañada por solistas galaico-portugueses/as.

“A gastronomía, como non podía ser doutro xeito, terá tamén un papel protagonista, tendo en conta o potencial culinario tanto de Galicia como de Portugal. Neste senso, contaremos cunha feira gastronómica na Praza de Abastos baixo o título ‘Sabores do Eixo’ e tamén impulsaremos o popular concurso de tapas que este ano incorporará produtos de denominación de orixe portuguesa”, apuntou.

A edil subliñou que “outro dos piares da programación será a literatura. Así, contaremos cunhas catas literarias nas que participarán autores de gran prestixio, de ámbalas dúas marxes do Miño, para achegarnos as súas obras; tamén teremos unha feira do libro infantil e xuvenil, e unha exposición de cómic, unha das disciplinas creativas máis actuais e completas”.

A arte urbana tamén contará cun espazo importante nesta cita como unha das modalidades que está a ser protagonista na transformación das cidades. Exemplo disto é a renovada Rúa do Esquecemento, convertida en icona, grazas aos murais elaborados nas fachadas dos seus edificios. Así, Lugo converterase novamente nun lenzo para as obras de recoñecidos artistas galegos como Diego As, Marcos Pereira, Pía Piadosa ou Noemí Núñez, que intervirán en diferentes espazos da cidade con motivo desta cita. Así mesmo, organizarase o Festival Cores Atlánticas, que contará con zonas de pintado de graffitis, exhibicións de skate ou actuacións de DJs, entre outras actividades.

Por outra banda, as tradicións galegas e portuguesas estarán presentes en toda a programación a través de exposicións, conferencias e unha mostra de xogos populares de ambas rexións. O pasado romano de Lugo tamén terá protagonismo na Capital da Cultura a través do Arde Lvcvs, e as costumes e artesanía lucense e portuguesa terán oco nas festas patronais da nosa cidade, a través da feira Arte San Froilán.

Outras das disciplinas que incorpora a programación son: o cine, a través dun ciclo de mulleres directoras, baixo o título “Unha mirada en feminino”; a maxia, co festival “A maxia do Eixo”; a moda, coa celebración da “Gala Lucus Moda Atlántica”; a pintura, a través dunha exposición de arte lusa; a danza, co Encontro de danza universitaria; ou o circo, a través de representacións nas rúas da cidade.

Actividades na contorna do Miño

O Miño, fronteira natural e tamén punto de unión de Galicia e o norte de Portugal, será un dos escenarios principais desta programación. Este privilexiado enclave natural, convertarse nun espazo de reflexión sobre a igualdade, a diversidade e a inclusión na sociedade actual, a través da cita “De perdidos ao Miño”, e tamén se aproveitará o espazo para a realización de actividades culturais durante os meses de verán.

“Finalmente, tamén incorporaremos á programación as diferentes actividades que estamos deseñando con motivo da celebración do Tour do Talento na nosa cidade, da man da Fundación Princesa de Girona. Estas actividades estarán especialmente dirixidas a mozos e mozas e contemplarán dende obradoiros, conferencias, mesas redondas, exposicións e outras de tipo lúdico”, engadiu a concelleira.

Capital da Cultura

A Capital da Cultura é un programa que o Eixo Atlántico vén desenvolvendo desde hai 14 anos cunha ampla participación cidadá. O evento promove a creación cultural e a accesibilidade ao consumo cultural dos creadores e artistas, tanto galegos como do norte de Portugal.

A Eurorrexión Galicia-Norte do Portugal en xeral, e as cidades do Eixo Atlántico en concreto, posúen unha inmensa riqueza cultural, que estes anos coñeceu un notable auxe en practicamente todos os ámbitos da cultura. Os recentes premios Goya visibilizaron o excelente momento que o cinema galego está a vivir e que se une ao xa tradicional protagonismo do cinema no norte de Portugal. Así mesmo, ámbitos como a música, literatura, poesía, pintura, cómic, teatro, danza, a fotografía… tamén experimentaron un importante auxe nestes anos.

A Capital da Cultura do Eixo Atlántico quere, ademais, realzar o protagonismo dos creadores máis novos e das novas formas de cultura urbana integrando na súa programación música e pintura mural. Así mesmo, a Capital da Cultura tamén pretende poñer en valor a importancia das industrias culturais e a creación de emprego e actividades económicas a través da cultura.

Nesta sétima edición a cidade seleccionada polo Grupo temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico e ratificada na Asemblea Xeral, foi a proposta por Lugo como unha candidata que integra todas estas propostas culturais na súa programación cun elevado número de grupos e artistas das cidades da Eurorrexión. A cidade de Lugo toma o testigo de Braga, cidade que foi Capital da Cultura no 2021.

Máis info

Audio

  • A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, sobre a Capital da Cultura 2023 | Descargar mp3
  • O secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, sobre a Capital da Cultura 2023 | Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo, Capital da Cultura do Eixo, ofrecerá máis de 30 programas diferentes este ano e un centenar de actividades en todas as artes

Noticias relacionadas