Lugo acolle o sábado unhas xornadas sobre adopción

O programa inclúe unha charla e obradoiros, nos que adultos adoptados compartirán cos asistentes as súas experiencias vitais

Martes, 21 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle o sábado unhas xornadas sobre adopción

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, que dirixe Ana González Abelleira, o coordinador do proxecto, Antón Mouriz, e a representante da Asociación Manaia en Lugo, Begoña Vázquez, presentaron hoxe no Salón de Plenos as actividades que se van levar cabo este sábado 25 en horario de mañá e tarde, nas que se abordará a adopción en primeira persoa, xa que serán adultos adoptados os que compartirán cos asistentes ás súas experiencias vitais. 

Así, esta xornada organizada pola Asociación Galega de Axuda á Adopción Manaia, dará comezo ás 11:30 horas cunha charla coloquio no salón de actos do centro de convivencia Maruja, Mallo impartida por dúas persoas adoptadas.

Dende as 14:30 horas ata as 16:00 horas, como ven sendo habitual nas actividades de Manaia, haberá un xantar no Parque Infantil de Tráfico (PIT) de Frigsa, compartindo a comida e bebida que cada asistente leve pola súa conta.

Pola tarde, a partir das 16:00 horas e ata as 19:30 horas, nas instalacións do PIT desenvolveranse tres obradoiros. O primeiro, dirixido a menores de 3 a 12 anos de idade,  levarase a cabo de 16:00 a 16:30 horas; o segundo, para adolescentes de 12 a 16 anos, de 16:30 a 17:30 horas, e o terceiro e último, para nais e pais, será de 17:30 a 19:30 horas.

Durante o horario que duren as distintas actividades haberá servizo de ludoteca de balde, na que se require confirmar previamente por cuestións de aforo. A dirección de correo é manaia@manaia.es.

Ana Abelleira agradeceu aos organizadores o apostar por Lugo como primeira cidade na que van ter lugar este programa por toda Galicia.

Noticias relacionadas