López Orozco destaca que o Plan de Mobilidade permitirá que Lugo "sexa unha cidade modelo, unha cidade competitiva, sostible e á altura das circunstancias"

Mércores, 16 de decembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* Entre as accións a levar a cabo en relación co Plan, López Orozco referiuse á creación de tres foros de debate e unha xornada de portas abertas para que todos os cidadáns coñezan o proxecto e fagan as súas achegas

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, resaltou hoxe que a cidade “vive un momento extraordinario, polo que é preciso repensala entre todos”. “O Plan de mobilidade permitirá que a nosa cidade sexa un exemplo, unha mostra dunha cidade competitiva, sostible e que estea á altura das circunstancias actuais”.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, avanzou hoxe os pasos a seguir en relación co Plan de Mobilidade unha vez foi presentado ás forzas vivas da cidade, á oposición, aos colexios profesionais e ás asociacións de veciños da cidade. López Orozco destacou a boa acollida do proxecto entre todos os convocados, ao tempo que resaltou que “agora temos por diante un importante camiño de modernización da cidade”.

López Orozco explicou a proposta do equipo de Goberno que se materializará en xaneiro nunha reunión de portavoces. Entre as accións a desenvolver en relación co Plan de Mobilidade o Alcalde de Lugo citou catro.

1. A constitución dunha comisión executiva presidida polo Alcalde da cidade que conte coa participación dos tres grupos políticos con representación no Concello.

2. A creación de tres foros de debate de mobilidade nos que se estuden os temas máis importantes do plan de cara a trazar a súa temporalización para a súa posterior posta en marcha. López Orozco subliñou que os foros terán continuidade no tempo ata a total implantación do Plan.

3. Realización dunha xornada de portas abertas que conte coa presenza de tres partidos políticos. Trátase dunha presentación pública que sirva para que todos os cidadáns coñezan o plan e fagan as achegas que consideren oportunas.

4. Realizar un novo encargo á Axencia redactora do Plan para a súa implantación. A idea, segundo destacou, sería comezar coa implantación dalgunha supermazá, e a realización dun estudo de transporte público que permita comezar coas melloras recollidas no documento.

López Orozco destacou que todas estas accións pretenden que o plan “sexa coñecido e estea nas mesas de todos os lucenses para que participen nos foros e fagan as súas achegas”.

Multimedia

Noticias relacionadas