Lara Méndez supervisa o avance das obras de acondicionamento da parcela do Impulso Verde baixo criterios rigorosos de eficiencia enerxética

Os labores inclúen a humanización da contorna, a creación de xardíns de choiva e dun carril bici, alén da pavimentación de zonas peonís con material drenante.

A Xunta de Goberno autorizaba a adxudicación dos traballos á empresa Ovisa, por importe de 168.190 euros.

Mércores, 10 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa o avance das obras de acondicionamento da parcela do Impulso Verde baixo criterios rigorosos de eficiencia enerxética

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisaba está mañá o avance das obras da parcela que ocupa o Impulso Verde, acordes aos usos administrativo e expositivo que terá o edificio, baixo criterios rigorosos de eficiencia enerxética, sustentabilidade e confort para o usuario, pero tamén como futura sede coworking.

“A nosa vontade é crear un espazo aberto para a cidadanía que permita acoller todas aquelas iniciativas das distintas actuacións da estratexia LIFE Lugo + Biodinámico, que vinculan os temas ambientais desde o prisma da formación, a educación, a experimentación e a innovación, ao amparo da sustentabilidade, coa finalidade de abrir os ollos e as mentes dos moitos escolares, universitarios, investigadores, familias ou profesionais diversos, que día a día renovarán os seus coñecementos en materia ambiental, enerxética ou de recursos naturais” explicaba a rexedora.

Os traballos, foron adxudicados á empresa Ovisa, por importe de 168.190 euros e abarcan unha superficie de 2.685 m², nun predio municipal de 8.001 m², situado na Avenida Infanta Elena, á altura da glorieta 25 de Novembro. Inclúen a creación de zonas verdes e outras peonís e de estacionamento, así como un carril bici xunto á humanización da contorna na que se instalará mobiliario urbano e iluminación e sinalización LED.

As zonas verdes ocuparán, aproximadamente a metade da extensión dispoñible, está previsto que se planten árbores autóctonas que creen zonas de sombras. “A selección das especies vexetais foi realizada, de maneira conxunta, con expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a fin de fomentar a biodiversidade” explicaba a rexedora.

Habilitarase, unha zona peonil con pavimentos drenantes, 7 prazas de estacionamento de vehículos, das que dúas estarán reservadas a persoas con mobilidade reducida e outras dúas para modelos eléctricos. Unha zona de bicicletas, composta por un carril de pavimento cerámico permeable - cedido doutro Proxecto Life (15 CCA/ES/000091 CERSUDS) - que contará con aparcamento específico para fomentar a mobilidade alternativa e sostible.

Lara Méndez fixo fincapé en que con todas estas actuacións conseguirase acondicionar a parcela, estando á vangarda en criterios de sustentabilidade. Unha ubicación que, segundo a alcaldesa de Lugo,“contribuirá a incrementar a calidade de vida da veciñanza, porque redunda no confort da cidade e na súa habitabilidade, ao tempo que seguimos a potenciar a marca de Lugo vinculada á sostibilidade, coa que xa nos posicionamos como un municipio referente a nivel internacional” concluía.

Multimedia

  • Lara Méndez supervisa o avance das obras de acondicionamento da parcela do Impulso Verde baixo criterios rigorosos de eficiencia enerxética

Noticias relacionadas