Lara Méndez solicita á Deputación Provincial a cesión da rúa Fermín Rivera para dar resposta a unha demanda veciñal

O traspaso posibilitará unha actuación máis áxil dos servizos municipais sobre o mantemento das dotacións públicas e a ordenación do tráfico na contorna.

O goberno local iniciou xa a tramitación para poder asumir a vía, de 703 metros de lonxitude, que se atopa en bo estado de conservación tras ser acondicionada en 2018.

A alcaldesa abordou coa directiva do Club Fluvial o cambio de titularidade, que permitirá desenvolver con maior dilixencia iniciativas de investimento local.

Venres, 14 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez solicita á Deputación Provincial a cesión da rúa Fermín Rivera para dar resposta a unha demanda veciñal

O executivo de Lara Méndez vén de solicitar á Deputación Provincial a cesión da estrada LU-P-2911, coincidente coa rúa Fermín Rivera, para a súa integración no viario urbano, dando así resposta a unha reivindicación da veciñanza da zona e das persoas que frecuentan a contorna e o Club Fluvial.

Unha operación que a rexedora enmarcou “dentro da relación de diálogo e colaboración permanente que mantemos as dúas administracións, a prol do interese xeral e acorde as liñas de actuación fixadas por este goberno cara o crecemento sostible e integrador que deseñamos para Lugo”.

A alcaldesa referiu así, que, dada a escasa lonxitude da vía (703 metros) e a súa cualificación urbanística (solo urbano), así como polo feito de que as dotacións públicas das que dispón sexan xa de titularidade municipal (iluminación, abastecemento, etc), “consideramos oportuno e conveniente a solicitude da súa transferencia a favor da institución local, co fin de permitir unha xestión máis áxil da mesma por parte dos servizos municipais”.

Lara Méndez subliñou, igualmente, que a presenza nesta estrada da Igrexa de San Lázaro e do Club Fluvial propicia un importante nivel de tráfico, netamente de tipo urbano, motivado polo uso residencial pero tamén vencellado ao desenvolvemento de actividades sociais, deportivas e de recreo que propician estas instalacións, “o que redunda no interese da xestión da mobilidade peonil e da circulación rodada en favor do Concello”, apuntou a rexedora.

O treito do que será obxecto a cesión consta dunha lonxitude de 703 metros e trátase dunha estrada convencional, nun tramo de travesía cun carril por sentido de circulación, cunha intersección intermedia coa Rúa Vella da Ponte e con diversos accesos a vivendas. Dispón ademais de beirarrúas descontinuas nas zonas máis anchas, nunha ou nas dúas marxes e, dependendo da zona, conta alén cunha liña de estacionamento.

O seu estado de conservación é bo, en termos xerais e segundo a avaliación técnica realizada, mantendo todas as súas dotacións viarias (elementos de sinalización, balizamento e defensas) en condicións axeitadas, tendo en conta, alén, que a finais do ano 2018 a Deputación executou un reforzo do firme da calzada, acondicionándoa por completo. Unha intervención que redunda, á súa vez, nunha diminución dos custos de mantemento.

Precisamente a alcaldesa abordou xa coa directiva da entidade deportiva a situación na que se atopa o procedemento que, unha vez rematado, permitirá desenvolver con maior dilixencia iniciativas de investimento local ao simplificarse a burocracia esixida con respecto ás vías de demarcación provincial.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a cesión da rúa Fermín Rivera | Descargar mp3

Noticias relacionadas