Esta iniciativa busca crear un espazo de acordo entre os colectivos económicos, políticos, sociais e institucionais para converter á cidade nun polo de atracción de empresas.
A alcaldesa avanza que a iniciativa reforza a Estratexia Lugo Transforma, coa que o Concello mobilizará 12 millóns en cinco anos parar atraer inversión e crear emprego.
O proxecto conta xa co apoio da Confederación de Empresarios de Lugo, a Asociación de Empresarios do Ceao-As Gándaras, AJE Lugo, e a Asociación de Mulleres Empresarias.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a través da Concellería de Desenvolvemento Local, que dirixe o edil Mauricio Repetto, promoverá a creación dunha Mesa para a Diversificación Industrial de Lugo como reforzo da estratexia Lugo Transforma.
Así o avanzou a rexedora, quen explicou que “con esta iniciativa queremos desenvolver un espazo de diálogo e de acordo onde o Goberno local e os principais axentes económicos, institucionais, políticos e sociais da cidade deseñemos e impulsemos medidas conxuntas para asentar as bases da futura industrialización de Lugo”.
A Mesa para a Diversificación Industrial enmárcase na Estratexia Lugo Transforma, o fondo emprendedor municipal co que o Concello mobilizará 12 millóns de euros en cinco anos, a maior contía destinada pola administración local en toda a súa historia para diversificar a economía do municipio, moi dependente do sector servizos, un dos que está a sufrir máis as consecuencias da emerxencia económica derivada da pandemia.
Neste senso, a alcaldesa sostén que “Lugo non resistirá nin esta nin outra nova pandemia ou crise se o seu PIB e os postos de traballo seguen a depender de xeito tan importante do sector servizos, sen outras alternativas”, por iso, “traballamos para atraer talento, investimentos e nova industria para Lugo e, por tanto, crear emprego”.
Neste contexto, Lara Méndez quere que a Mesa para a Diversificación Industrial sexa unha ferramenta clave para que, “da man dos axentes sociais, políticos e económicos, así como doutras institucións, podamos detectar os recursos e as capacidades da cidade para sentar as bases dunha futura industrialización”.
O deseño da Mesa basease noutros casos de éxito que grazas á iniciativa municipal, cun espírito colaborativo e participativo, conseguiron impulsar novos proxectos que posicionaron á cidade nunha situación vantaxosa para atraer novos investimentos e a creación de emprego cualificado.
O Concello de Lugo mantivo os primeiros contactos cos sectores económicos, como a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Asociación de Empresarios do Ceao-As Gándaras, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE), e a Asociación de Mulleres Empresarias, que xa amosaron o seu total acordo e colaboración con esta iniciativa, e fixará reunións con outros axentes como a Universidade, colectivos cidadás ou outras administracións, como a Xunta de Galicia, que o Concello espera que se sume como xa fixo noutras iniciativas deste estilo postas en marcha noutras cidades galegas.
A iniciativa porase en marcha no segundo semestre do ano e incluirá catro fases: o contacto con todos os axentes participantes, a organización da mesa para a reindustrialización de Lugo, o deseño de medidas de actuación e a implementación e seguimento.
Lugo Transforma, unha iniciativa pioneira
A Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, articulase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Deberán ser proxectos de alto valor engadido tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental.
Actualmente, o Concello está inmerso no proceso de adxudicación dun servizo de intermediación financeira para a xestión do fondo municipal, que será o encargado de atraer investimento e empresas co fin de crear postos de traballo en sectores estratéxicos para Lugo, e que acompañen ao modelo de cidade que se está a desenvolver e que a está a situar na vangarda europea en sostenibilidade e na loita contra o cambio climático.