Lara Méndez promove a creación dun parque no Carme en homenaxe ás vítimas da Covid-19 e aos profesionais que loitan contra a pandemia

A Alcaldesa de Lugo quere que non se esqueza nin ás persoas que sufriron a maior crise sanitaria da historia moderna, nin ás que estiveron en primeira liña coidando á cidadanía.

Elexíronse catro parcelas municipais unidas para a instalación, para seguir poñendo en valor o barrio emblemático no marco da estratexia Muramiñae deseñada pola rexedora.

Os traballos, que comezarán tras o verán, incluirán a creación de camiños, plantación de céspede e especies autóctonas, así como a instalación de alumeado e mobiliario urbano.

O proxecto mellorará a accesibilidade da zona mediante un itinerario practicable para os usuarios da Vía XIX que non poidan salvar a escalinata que dá acceso á Rolda do Carme.

Martes, 19 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez promove a creación dun parque no Carme en homenaxe ás vítimas da Covid-19 e aos profesionais que loitan contra a pandemia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, promove a creación dun novo parque na zona do Carme, que “ademais de pór en valor este barrio emblemático e incrementar as zonas verdes e de lecer para a cidadanía, nace como unha homenaxea ás vítimas da Covid-19, así como a todo o persoal que loitou en primeira liña e segue loitando contra a pandemia”, explicou.

A rexedora sostén que “non debemos esquecer a todas as persoas que faleceron nesta crise sanitaria, e ás que aínda sofren as secuelas, así como aos profesionais que loitan contra ela, pero este parque tamén será unha lembranza do que aprendemos nesta pandemia, como a importancia de investir en ciencia e en investigación, a necesidade de reforzar a nosa sanidade e de implementar unha mellor atención aos maiores e aos colectivos máis vulnerables”.

O parque situarase nun conxunto de catro parcelas municipais unidas, situadas entre a Rolda do Carme e o Regueiro dos Hortos, que suman unha superficie total de 698 m2. “Queremos continuar creando infraestruturas verdes na cidade e poñendo en valor este barrio emblemático da cidade, dotando de espazos de desfrute e descanso para a poboación na liña do modelo de cidade no que estamos a traballar, dende o pasado mandato, e que obecede á segunda gran transformación do municipio”, explicou Lara Méndez.

A rexedora explicou que “de forma complementaria, e non menos importante, preténdese solucionar un problema de accesibilidade existente desde o Regueiro dos Hortos ata a Rolda do Carme –onde actualmente existen unhas escaleiras recentemente restauradas–; así, con esta actuación, conectaranse estas dúas zonas a través do parque sen necesidade de ir por escaleiras, aspecto importante para as persoas con mobilidade reducida, carriños de bebés e outras limitacións”.

Lara Méndez, quen supervisou xunto ao edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, as tarefas de roza na zona a actuar, avanzou que este novo parque, cuxa execución comezará tras o verán, pretende ser o marco que de cabida a un elemento escultórico, en homenaxe tanto ás vítimas da Covid-19 como aos profesionais que traballan activamente para mitigar os efectos da pandemia, polo que se reservará unha zona no centro do espazo para a colocación posterior dunha estatua”.

A obra do parque incluirá a creación de camiños, plantación de céspede e especies autóctonas, así como a instalación de novo alumeado e de mobiliario urbano.

A finalidade é crear un espazo íntimo, laberíntico á vez que integrado na paisaxe, ao tempo que se ofrece unha solución ás condicións orográficas da zona, mediante un itinerario practicable para os usuarios da Vía XIX que non poidan salvar a escalinata que dá acceso á Rolda do Carme.

Actuacións de mellora do barrio do Carme

Lara Méndez lembrou que esta actuación súmase aos diferentes proxectos que o executivo municipal está a por en marcha para mellorar a zona do Carme. Así, xa se executaron obras para a posta en valor da Vía XIX, que limita coa área do proxecto presente. Ao mesmo tempo, estanse realizando as obras de construción do novo carril bici na Rolda do Carme, vía que limita ao sur coa área de actuación; e, por outra banda, o goberno xa adxudicou os traballos para a rehabilitación dunha casa –que será o primeiro coliving artístico de caracter municipal do país–, e adecuación da zona verde que a rodea, situada enfronte do parque que se pretende crear.

“Queremos poñer en valor toda a zona do Carme e iso implica tamén darlle un novo uso ás parcelas de titularidade municipal que se atopan na zona, acondicionándoas para goce e recreo da veciñanza, ao tempo que se consigue unha mellora estética e unhas mellores conexións entre a trama urbana da cidade e o río Miño, creando unha zona de paseo apetecible e segura”.

Noticias relacionadas