
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu hoxe a toma de posesión de once oficiais da Policía Local, entre os cales se atopaba María López Palacios, a primeira muller que alcanza este cargo nos 160 anos de historia do corpo municipal.
A rexedora destacou a importancia de incrementar o número de mulleres no corpo, especialmente en postos de responsabilidade apuntando que “o nomeamento de María é un paso máis cara á igualdade”.
No acto, no que tamén estiveron presentes a edil responsable da área económica, Paula Alvarellos, e o Inspector Xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro, a alcaldesa felicitou aos novos oficiais, dándolles os parabéns e poñendo en valor o traballo que asumen co obxectivo último e final de protexer á cidadanía e facer de Lugo unha cidade mellor.