Lara Méndez preside os premios Entre Mulleres a persoas e colectivos “que son grandes referentes na loita pola igualdade”

Adiaratou Iglesias, Colexio de Enfermaría, Neri Regueiro, Carmen Basadre, Dina Pérez, Pilar Martínez, Carmen Lence e Patrocinio Morrondo, galardoadas con motivo do 8-M.

A rexedora lembrou "non existe un único camiño para promover a igualdade real como demostran estas mulleres, que se moven en distintas esferas persoais e profesionais”.

Martes, 08 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez preside os premios Entre Mulleres a persoas e colectivos “que son grandes referentes na loita pola igualdade”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, presidiron hoxe o acto de entrega dos premios Entre Mulleres 2022 en recoñecemento a mulleres e colectivos lucenses que destacaron na loita feminista lembrando que, ao longo da historia, superáronse innumerables barreiras grazas a mulleres "pioneiras como elas, sempre referentes na loita pola igualdade".

A rexedora, que tivo nada máis empezar unha especial mención ás mulleres e nenas ucraínas, lamentou que aínda persistan "distintos obstáculos e inxustizas que sofren as mulleres, sendo a peor delas, “a violencia machista”.

Lara Méndez sinalou que "non existe un único camiño para defender e promover a igualdade real como demostran estes premios a mulleres que se moven en distintas esferas persoais e profesionais, que proceden do mundo deportivo, cultural e artístico, profesional, político, empresarial e do emprendemento”, á vez que avogou “por traballar unidos nesta causa común.

Os premios Entre Mulleres son concedidos polo Concello de Lugo dentro dos actos dos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Desde que a súa creación por parte da concelleira Carme Basadre no ano 2002, se entregaron medio centenar de recoñecementos. Neste 2022, recaeron en Carmen Basadre, a deportista Adiaratou Iglesias; ao Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo; Neri Regueiro Viñas, membro da asociación cultural Bolboreta Fiandeira e promotora da formación de grupo de pandereteiras – cantareiras; Dina Pérez Roibas, que foi directiva da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo e da Federación de Empresarias de Galicia; Pilar Martínez Conde, "Pilocha", Carmen Lence e a catedrática de Parasitoloxía Animal da USC, Patrocinio Morrondo.

Carmen Lence e Adia Adiaratou non pudieron recoller o galardón; a primeira mandou un video cunhas palabras de agradecemento, e no segundo, foi a nai da deportista quen o recolleu no seu nome.

A alcaldesa fixo fincapé na importancia destes premios e da celebración da xornada reivindicativa do 8-M, onde “todos os anos nos vemos obrigadas a lembrar e saír as rúas para lembrar que a loita pola igualdade real aínda é necesaria”, e insistou a non baixar a garda xa que “non debemos de deixar que se dean pasos atrás na perda de dereitos, que tanto esforzo nos levou conseguir”.

Ao acto de entrega do premio Entre Mulleres acudiron membros da Corporación Municipal, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, así como familiares e amigos das galardoadas.

Galardoadas Entre Mulleres deste 2022:

O primeiro galardón foi para Adiaratou Iglesias, un raio dourado, como así a definiron logo das súas xestas nos xogos paralímpicos que este pasado verán se celebraron na capital de Xapón. Unha deportista lucense que non precisa presentación.

En 2021 proclamouse bicampioa de Europa en 100 e 400 metros T13, reafirmándose, no tartán do Estadio Olímpico de Tokio, como unha das mellores deportistas españolas, capaz de superar en cada competición as súas marcas persoais.

Exemplo de valentía e superación é todo un referente para a mocidade lucense, pola súa tenacidade e perseveranza, e polos seus logros cos que, ademais, está a contribuír a outro obxectivo moi importante: dar visibilidade ao deporte adaptado. Na súa representación recolleu este premio a súa nai, Lina Iglesias.

Nun ano no que as pandereteiras colleron especial notoriedade e coa vontade de difundir a importancia de preservar a cultura tradicional e de poñer en valor esta figura como transmisoras da nosa tradición oral, dun xeito tan singular como universal, o Concello de Lugo concede o Premio Entre Mulleres a Neri Regueiro Viñas, promotora da formación de grupos de pandereteiras e cantareiras - dentro do movemento asociativo - e integrante da Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira.

Carmen Lence. Unha muller que tomou as rendas do grupo lácteo fundado polo seu pai, converténdose nunha empresaria referente en todo o país, nun sector especialmente vencellado ao rural do que é plena defensora, apostando decididamente polo seu desenvolvemento.

Foi un tempo de readaptación na súa vida persoal que soubo superar a pesar das dificultades que trouxo consigo a pandemia, tamén no seu sector, fortemente afectado polo peche da hostalería. Tempo suficiente para recoñecer os grandes dotes de empresaria que posúe e que tampouco pasaron desapercibidos fóra da comunidade galega, o que se denota na concesión de premios como o de Muller Empresaria Caixabank 2021 ou o de Lucense do Ano.

Recolleu o premio no seu nome a Directora de Márketing e Comunicación do Grupo Leche Río, Covadonga Noguerol.

Feminista dende moi nova, cando o feminismo aínda non tiña o recoñecemento social do que goza hoxe en día, Dina Pérez Roibás dirixiu varios negocios e traballou, especialmente, para que as mulleres empresarias tiveran maior recoñecemento dentro da esfera económica e social. Promovendo o dinamismo das entidades nas que colaborou e, como no caso da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo ou da Federación de Empresarias de Galicia, exercendo tamén postos directivos. Sempre apoiando o liderado feminino e traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a promoción profesional da muller e a súa incorporación laboral en condicións de igualdade.

Pioneira, coa posta en marcha destes premios pero tamén do Departamento de Muller na Unión Comarcal de Lugo – UXT, nos 20 anos que lle dedicou á política municipal, Carmen Basadre foi concelleira de Muller, Servizos Sociais, Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua. Áreas, todas elas, ás que aplicou a súa creatividade e carisma e nas que a súa sensibilidade persoal e o seu espírito feminista nutriron as accións que impulsou na procura de ir eliminando barreiras de xénero pero tamén físicas e sociais.

Agora este premio Entre Mulleres quere enxalzar ese labor no que foi fornecendo, cada vez con máis recursos, as políticas municipais de igualdade para que a diversidade e a tolerancia gañaran espazos fronte á discriminación.

A seguinte galardoada marcou toda unha época en Galicia con cancións como O sancristán de Coimbra ou O Alecrín. Foi en 1978 cando Pilar Martínez Conde publicou o seu primeiro traballo discográfico “Pilocha”, que máis de 40 anos despois permanece aínda na memoria colectiva.

Logo dunha dilatada traxectoria profesional que aproveitou, durante as súas xiras, para espallar a cultura galega por Europa e América, dende o ano 2007 exerce como profesora de canto no Centro de Música de Fingoi.

Neste, seu actual traballo, presenta cada ano un orixinal musical coas súas alumnas coas que tamén participou no filme de animación “Valentina”, recentemente premiada nos Goya. Sumando a súa voz á concienciación sobre a inclusión e a integración das persoas con Síndrome de Down.

Premio á entidade que representa a un dos colectivos profesionais máis altamente feminizados: a Enfermaría, na que ao redor do 85% das persoas que a exercen son mulleres, provocando que tiveran que romper moitos teitos de cristal. Un sector que amosou, se cabe con maior vocación e esmero que nunca, a súa valía, desenvolvendo un papel esencial durante a crise sanitaria.

Un agradecemento ao seu labor que tivo reflexo na escultura instalada na Praza do Ferrol nunha homenaxe que hoxe, o Concello, quere completar co outorgamento deste premio que fai extensivo, por méritos propios, a todas as profesionais do colectivo.

En representación do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo acudiron a este acto Eva Gómez e Cristina Ouro.

Doutora en Ciencias Biolóxicas e Licenciada en Veterinaria, Patrocinio Morrondo é Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Académica Numeraria da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia e membro do Comité Asesor de Infraestruturas Singulares do Ministerio. Patrocinio foi a primeira muller da Facultade de Veterinaria que obtivo unha cátedra I+D+I, no seu caso, en Sanidade Animal. Participou, só por nomear algúns, en 30 proxectos nacionais ou autonómicos, en 10 deles como investigadora principal, e dirixiu 24 teses doutorais.

Unha destacada carreira, froito do esforzo e da afouteza que define xa, con marca propia, ás mulleres de Lugo.

Multimedia

  • Lara Méndez preside os premios Entre Mulleres a persoas e colectivos “que son grandes referentes na loita pola igualdade”
  • Lara Méndez preside os premios Entre Mulleres a persoas e colectivos “que son grandes referentes na loita pola igualdade”
  • Lara Méndez preside os premios Entre Mulleres a persoas e colectivos “que son grandes referentes na loita pola igualdade”
  • Lara Méndez preside os premios Entre Mulleres a persoas e colectivos “que son grandes referentes na loita pola igualdade”
  • Lara Méndez preside os premios Entre Mulleres a persoas e colectivos “que son grandes referentes na loita pola igualdade”
  • Lara Méndez preside os premios Entre Mulleres a persoas e colectivos “que son grandes referentes na loita pola igualdade”
  • Lara Méndez preside os premios Entre Mulleres a persoas e colectivos “que son grandes referentes na loita pola igualdade”

Noticias relacionadas