Lara Méndez presenta á veciñanza o proxecto de saneamento de Esperante, que remitirá agora á Xunta para o seu cofinanciamento

A actuación, que ten vontade continuísta, dará servizo nesta parte inicial á poboación de Esperante, Carballido, A Travesa, Eirexe, Santa Eufemia e Papoi e permitirá atallar os vertidos detectados nas inmediacións do Sanatorio de Calde.

A alcaldesa agarda que esta sexa a primeira obra que o Goberno galego sufrague nun 70%, logo de recadar dos e das lucenses máis de 11 millóns de euros pola taxa finalista do canon da auga.

A obra terá un prazo de execución de 8 meses e estará sometida a unha constante supervisión e a estritos controis de calidade.

Xoves, 03 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta á veciñanza o proxecto de saneamento de Esperante, que remitirá agora á Xunta para o seu cofinanciamento

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez,vén de presentar á veciñanza de Esperante o proxecto de saneamento e depuración de augas residuais co que o Concello agarda corrixir os vertidos que, dende hai tempo, se detectan na zona e poder ofrecer, ademais, un servizo básico que mellorará a calidade de vida e a comodidade das persoas que residen na contorna.

“Somos conscientes de que se trata dunha débeda histórica mais as Administracións locais, debido aos elevados custos que teñen estas infraestruturas, non temos capacidade para asumilas en soidade. Unha situación que agardamos se poida reverter logo de acadar hai unhas semanas o compromiso do presidente da Xunta de Galicia para cofinanciar os traballos, devolvendo así, á sociedade lucense parte dos cartos que o Executivo autonómico leva recadado en Lugo nos últimos 6 anos (case 11 millóns de euros) en concepto da taxa finalista do canon da auga, sen que até a data tivera revertido un só euro no noso municipio”, lembrou a rexedora.

Lara Méndez, acompañada polo concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández, avanzou ás persoas asistentes ao encontro algúns dos aspectos máis importantes da actuación, que chega cunha vocación continuísta.

“Trátase do inicio dunha dotación que queremos seguir estendendo polas inmediacións para ampliar o seu alcance, tendo en conta tamén o crecemento e expansión da zona e a proxección que posibilitará dispoñer, en breve, do Plan Xeral de Ordenación Municipal ao completo”, destacou a alcaldesa.

Lara Méndez indicou que, de forma inicial, a rede de saneamento prevista repercutirá directamente na veciñanza dos núcleos de Esperante, Carballido Norte e Carballido Sur, A Travesa, Eirexe, Santa Eufemia e Papoi (de Arriba, do Medio e de Abaixo), alén doutras unidades de actuación que se contemplan.

Así, a rexedora e o edil deron conta de que a proposta municipal consiste na instalación dun colector (interceptor) nun tramo que se desenvolverá pola marxe dereita, en sentido Lugo-Santiago, da estrada estatal N – 540 e que comprende dende o punto quilométrico 2+400 até o 6+400.

“As tres cuartas partes do percorrido proxectado se desenvolven pola parroquia de Esperante (Santalla), pero a súa incursión por Orbazai (San Miguel) e Calde (San Pedro) se xustifica para propiciar o enlace da instalación co inicio e final da rede”, puntualizou Méndez, quen tamén sinalou que o interceptor será o destino dos ramais de saneamento que procedan destas localizacións, da zona residencial na que se sitúa a Urbanización Bellavista e doutras actividades hostaleiras ou terciarias, alén doutros emprazamentos residenciais diseminados de tipo sanitario, industrial, etc que están próximos á N-540.

O tenente de alcaldesa trasladou que, para deseñar o proxecto se tiveron en conta previamente criterios con relación ao trazado (para minimizar a afectación que a obra terá sobre a estrada N-540 e optimizar a lonxitude da instalación), sobre os materiais (para o que se estudou a tipoloxía do colector - que irá enterrado e será de PVC de dobre parede - e dos pozos de rexistro), así como da hidráulica, tendo en conta a velocidade de circulación do efluente para garantía da autolimpeza e a capacidade do servizo.

“Tamén se estudaron outros factores como a equidistancia entre os pozos de rexistro, que non superarán os 50 metros de distancia entre eles e a situación das acometidas, sendo a concluínte da instalación deseñada de 3.835 metros de lonxitude de proxección en planta”, engadiu Miguel Fernández.

Obras previas necesarias

Tanto Lara Méndez como Miguel Fernández deron en sinalar que, con anterioridade á colocación do interceptor, dos pozos e das acometidas será necesario realizar actuacións previas entre as que se contemplan obras de demolición de firmes e de colectores de pluviais e cunetas de formigón que se verán afectadas pola escavación, elementos todos eles que se reporán con posterioridade.

“Así mesmo, se despexará e rozará o material vexetal en zonas con maior densidade e acumulación e se procederá á talla de pés arbóreos illados. Todas estas operacións se acometerán con maquinaria específica que permita diminuír a produción de vibracións”, apuntou o responsable de Cohesión Territorial.

Do mesmo xeito, salientaron que os traballos procurarán afectar o menos posible ao dominio público, agás naqueles tramos nos que non exista un trazado alternativo que resulte viable técnica e economicamente.

O proxecto, que ten un prazo de execución de 8 meses naturais, xa planifica e orzamenta a realización de controis de calidade en garantía da boa execución da intervención e da funcionalidade da instalación resultante; en particular, a calidade dos firmes e da estanqueidade do interceptor proxectado en todo o seu percorrido.

“O orzamento base de licitación alcanzará case os 2 millóns de euros (1.992.785’36 €), que agardamos sufragar, nunha proporción de 70/30%, contando coa colaboración do ente galego, anunciada polo seu presidente, Alfonso Rueda ao que, nos próximos días, lle faremos chegar toda a documentación do proxecto para avanzar na redacción do convenio que regule a súa financiación”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o saneamento de Esperante | Descargar mp3

Noticias relacionadas