Lara Méndez presenta tres novas obras de grandes muralistas urbanos para avanzar no embelecemento das Casas Sindicais

Diego As, M. Pereira e Pía Piadosa e Noemí Núñez deixarán a súa pegada nas medianeiras de tres edificios, dando continuidade ao mural da flor pintada por Dadospuntocero.

A alcaldesa avanzou que estas vivendas cruzarán fronteiras xa que a iniciativa se enmarca no festival de arte urbana da Capital da Cultura e no Tour do Talento

Nos proxectos de mellora desta urbanización inclúese, ademais, a reforma do parque infantil.

A actividade, do Urban Cores 2, incluirá talleres lúdico-formativo “onde a xuventude aprenderá da man dos mellores artistas como xa fixemos na Rúa do Esquecemento”.

Venres, 03 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta tres novas obras de grandes muralistas urbanos para avanzar no embelecemento das Casas Sindicais

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Xuventude, Mauricio Repetto, e dos artistas Diego As, Marcos Pereira e Manu Pallín, de Concepto Circo, presentou hoxe a segunda edición do programa municipal Urban Cores, que se celebrará do 6 ao 12 de marzo no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico.

A iniciativa contempla a realización de tres murais en tres medianeiras nas Casas Sindicais, onde xa se atopa outro grafiti elaborado na primeira edición desta iniciativa municipal polo artista invitado leonés Dadospuntocero, concretamente na parte superior da rúa Quiroga, que representa unha flor que busca a reflexión sobre a ecoloxía e o papel que desempeña a reciclaxe.

“Lugo converterase novamente nun lenzo para as obras de recoñecidos artistas galegos, e agora en concreto estas edificacións sociais de fachadas austeras que datan dos anos 50-60, que gañarán en cor, conseguindo unha contorna máis amable e inclusiva ao mesmo tempo que as obras transcenderán as nosas fronteiras xa que a iniciativa forma parte da primeira fase do gran festival de arte urbano que desenvolveremos na Capital da Cultura do Eixo Atlántico, acadando unha maior proxección e repercusión a nivel transfronteirizo”, explicou a rexedora, que avanzou así mesmo, outras melloras nesta urbanización como a reforma do parque infantil.

Así mesmo, explicou, “desenvolvemos unha segunda fase o vindeiro día 25 na pista de skate, e unha terceira, vinculada co Tour do Talento e a formación, que inclúe talleres do Urban Cores como un recurso lúdico-formativo onde os grandes muralistas ensinarán á mocidade as claves desta actividade artística, como xa fixemos na Rúa do Esquecemento na primeira programación”.

Os artistas que deixarán a súa pegada nas Casa Sindicais son Diego As, Marcos Pereira, Pía Piadosa e Noemí Núñez, que comezarán a pintar o vindeiro luns.

Diego AS reflictirá na súa obra unha “Pulpeira”, buscando a tradición desde unha óptica actual, na fachada do número 62 da rúa Quiroga; Marcos Pereira pintará “Adrómena” nunha medianeira próxima, no número 69 da mesma rúa, para transmitir unha mensaxe que alude ao intercambio de enerxías nunha conexión intergaláctica entre seres; e, por último, Noemi Núñez e Pia Piadosa plasmarán “Burato de verme” no número 50 da rúa Portugal, un mural baseado na temática da ciencia ficción e un tributo ás portadas de películas clásicas e ao cómic de ciencia ficción, combinado co grafiti máis clásico.

Talleres para a mocidade

Os talleres do Urban Cores desenvolveranse do 2 ao 5 de maio, coincidindo coa semana do Tour do Talento”, apuntou a rexedora. O concelleiro Mauricio Repetto destacou que se abrirán para un total de 40 mozos e mozas lucenses, “que compartirán espazo, experiencias e a visión de cada artista sobre a pintura mural e a arte en xeral”.

Arte Urbana en Lugo

“Dende o Concello de Lugo levamos anos impulsando a arte urbana como unha forma de expresión que non só embelece a cidade, senón que nos permite enxalzar ideas, valores e colectivos”, explicou a rexedora, quen puxo, entre os exemplos, a rúa do Esquecemento, recentemente inaugurada, como “máximo expoñente desta aposta”. “Grazas ao talento dos grafiteiros e a mocidade lucense convertémola na primeira rúa de Galicia museo da arte urbana ao aire libre e icono da transformación que estamos a levar a cabo na cidade”, apuntou.

Outro gran expoñente da arte urbana en Lugo é o graffiti de Julio César que lembra o pasado romano da cidade, pintado por Diego As nun muro de 20 metros de alto e que mira desde a súa atalaia á Muralla de Lugo, e que foi elixido como mellor mural do mundo de 2021. “O que demostra que este tipo de actuacións tamén nos permiten acadar repercusión internacional e darnos a coñecer fóra das nosas fronteiras”, subliñou Mauricio Repetto.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Urban Cores 2 | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez presenta tres novas obras de grandes muralistas urbanos para avanzar no embelecemento das Casas Sindicais

Noticias relacionadas