Lara Méndez pon en evidencia as contradicións do PP respecto á construción de vivenda pública nunha reunión con veciños do Castiñeiro

Mentres os populares trasladan á veciñanza a posibilidade de mover o proxecto de vivendas sociais a outra zona, o goberno autonómico segue adiante co procedemento.

Méndez pídelle á Xunta “que aclare se vai a materalizar a partida que tiña comprometida nos orzamentos deste ano para a construción de vivenda oficial e onde o vai a facer”.

A alcaldesa escoitou as demandas dos asistentes e informounos dos proxectos nos que o Concello está a traballar, como a renovación das zonas infantís, con novos xogos.

Ademais, o executivo municipal dotou ao barrio dunha nova pista deportiva, un aparcamento disuasorio e un novo centro social para facilitar a conciliación familiar.

Mércores, 15 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon en evidencia as contradicións do PP respecto á construción de vivenda pública nunha reunión con veciños do Castiñeiro

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo un encontro este mércores con veciños e veciñas do Castiñeiro para coñecer de primeira man as súas demandas para o barrio e explicarlles, así mesmo, os proxectos nos que está a traballar o Concello para incrementar a calidade de vida da veciñanza desta zona da cidade. Durante a reunión, Méndez puxo en evidencia as contradicións do Partido Popular no relativo á construción de vivenda pública de protección oficial.

“Mentres a candidata do PP, Elena Candia, e o edil, Antonio Ameijide, trasladan aos residentes do Castiñeiro a posibilidade de mover o proxecto de vivendas sociais a outro solar de propiedade autonómica na cidade, o goberno da Xunta segue adiante co procedemento para adxudicar a construción de 58 vivendas nun solar da rúa Ramón Piñeiro”, explicou Méndez, quen subliñou que “deste xeito, o único que fan é mentir e enganar á veciñanza”.

O pasado 24 de febreiro celebrouse a Mesa de Contratación na que se propuxo a proposta de adxudicación do contrato de redacción do proxecto e dirección de obra á empresa Arquiroga SLP por un importe de 359.401euros. “Se finalmente non teñen previsto realizar esta actuación pedímoslles que sexan transparantes porque semella que o único que están a facer é dar bandazos para eludir as súas responsabilidades en materia de vivenda”, sostivo-

“Primeiro a Xunta anunciou que tiña en marcha un proxecto de vivendas sociais, unhas 40, en Garabolos, pero logo cambiou de sentido e propuxo facelo en O Castiñeiro; agora din que estudan trasladalo novamente e, mentres tanto, a lista de demandantes de vivenda no rexistro autonómico, increméntase cada ano, con máis dun millar de lucenses que solicitan un piso de proteción, triplicando as cifras de outras capitais de características semellantes, como Ourense”, explicou a rexedora.

Méndez lembrou que “o último edificio construído polo goberno autonómico para destinar a vivenda oficial levantouse na avenida Paulo Fabio Máximo no ano 2008, dende entón, acumulamos quince anos de espera, o que da lugar a situacións de vulnerabilidade social e algúns casos de ocupación na cidade”.

“Polo tanto, solicitámoslle á Xunta que aclare se vai a cumplir o seu compromiso e materalizar a partida que tiña comprometida nos orzamentos deste ano para a construción de vivenda pública na cidade, e que aclare tamén onde o vai a facer; posto que, á vista das últimas informacións, semella que se trata doutra promesa incumprida por parte do executivo autonómico con Lugo, como os diferentes proxectos que levan anos figurando no presuposto e que finalmente non se materializan”, subliñou.

Por outra banda, Méndez fixo un balance das actuacións executadas polo goberno municipal no entorno do Castiñeiro, onde recentemente se puxo a disposición da cidadanía unha nova pista deportiva, nunha parcela municipal de 800 m² entre as rúas Juana la Loca e Ramón Piñeiro. Esta instalación dispón de céspede artificial e iluminación para propiciar o seu aproveitamento en horario nocturno e tamén durante as tardes de inverno cando hai menos horas de luz natural.

Tamén se construíu un novo aparcamento disuasorio, con 53 prazas –incluíndo 5 adaptadas– entre as rúas Ramón Piñeiro e Ramón Beberide, nunha parcela de 1.859 m2. Así mesmo, xa están finalizadas as obras do novo centro social interxeracional de Lamas de Prado, que ultima a súa apertura nas vindeiras semanas, un edificio moderno e versátil, que permitirá integrar labores de atención social e dinamización cultural para favorecer a convivencia interxeracional e a conciliación das familias.

De forma paralela, cómpre destacar tamén a renovación da rúa Lamas de Prado, que permitirá mellorar a calidade do alumeado público, con luminarias LED; a seguridade vial na zona, coa instalación de novos pasos de peóns elevados; e a accesibilidade, ao eliminarse as barreiras arquitectónicas da rúa. Ademais, o treito fronte á praza do Castiñeiro converterase nunha plataforma única, gañando espazo peonil sen afectar á mobilidade dos vehículos.

Finalmente, Lara Méndez avanzoulles aos veciños e veciñas a renovación integral das zonas infantís do Castiñeiro. Unha intervención coa que tamén se unificarán os diferentes espazos de lecer que se aglutinan nesta contorna contribuíndo, así, a favorecer a convivencia interxeracional. A obra, que suporá un investimento de 365.000 euros, contempla un parque de xogos con tirolina, rocódromo e elementos inclusivos para crianzas con espectro autista.

“Todos estes proxectos son boa mostra do compromiso do executivo municipal cos residentes deste barrio da cidade, un compromiso que se evidencia con feitos e non con palabras, e sobre todo con inversións reais, polo que invitamos á Xunta e o PP a seguir o exemplo”, concluíu Méndez.

Noticias relacionadas