Lara Méndez pide o apoio unánime da Corporación á financiación da Estratexia Lugo Transforma

Este venres terá lugar un Pleno Extraordinario, para aprobar unha incorporación de remanentes por valor de 12 millóns de euros destinado a fomentar o emprendemento en sectores estratéxicos

Trátase da partida máis cuantiosa habilitada polo Concello de Lugo para impulsar a creación de pequenas e medianas empresas consonantes co modelo, ideado pola rexedora, de cidade vangardista e sostible

A iniciativa, pioneira en Galicia no eido municipal, pretende revitalizar o tecido produtivo local e diminuír a súa dependencia do sector servizos

Mércores, 18 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pide o apoio unánime da Corporación á financiación da Estratexia Lugo Transforma

A alcaldesa, Lara Méndez, pedirá este venres o apoio unánime da Corporación á financiación da Estratexia Lugo Transforma na que o Concello investirá 12 millóns de euros.

Unha iniciativa pioneira en Galicia, dentro do ámbito local, coa que a rexedora pretende impulsar a creación de pequenas e medianas empresas que sexan consonantes co seu proxecto de cidade vangardista e sostible.

Así, este venres, ás dez da mañá, dará comezo unha sesión extraordinaria, que poderá seguirse telematicamente a través da web municipal, na que a rexedora exporá con detalle a finalidade e contido deste fondo público co ánimo de acadar a aprobación, por parte do Pleno, da modificación de crédito que permitirá materializalo.

“Unha ducia de millóns, determinantes, porque son sinónimo de cambio, de futuro e tamén de oportunidades. Oportunidades empresariais, de xeración de riqueza, de creación de emprego, de acadar que Lugo se converta nun polo de atracción para o investimento pero tamén nun referente da modernización tecnolóxica, da investigación, e da sustentabilidade aproveitando as nosas potencialidades”, explicou Lara Méndez.

“Trátase da maior contía destinada polo Concello ao longo de toda a súa historia para diversificar a economía do municipio, hoxe tremendamente dependente do sector servizos. Unha circunstancia que, nun momento coma este, é un hándicap que cómpre redirixir cara os eidos que, pretendemos, sexan a nosa seña de identidade como a innovación tecnolóxica, a economía verde e circular, as enerxías limpas e sostibles, a bioeconomía, biotecnoloxía, a farmacia, os servizos avanzados á industria e o I+D+I”, subliñou.

Deste xeito, baseado na segunda gran transformación de Lugo que Lara Méndez iniciou xa durante o seu primeiro mandato, en 2015, este programa pretende ser o revulsivo do cambio de modelo do municipio.

A alcaldesa lembrou que a Estratexia Lugo Transforma articularase a través da entrada temporal do Concello en proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental, quedando excluídos o inmobiliario e o financeiro.

“Agardamos que toda a Corporación se posicione este venres favorablemente, porque estamos convencidos da súa utilidade como recurso imprescindible de moitas empresas para consolidar o seu proxecto e acadar sinerxías nacionais e internacionais que redundarán tamén no conxunto da cidadanía luguesa”, sinalou a rexedora ao tempo que recordou que a xestión deste fondo estará aberto á participación doutros investidores, tanto públicos como privados.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Pleno Extraordinario e a Estratexia Lugo Transforma | Descargar mp3

Noticias relacionadas