A Alcaldesa clausurou a xornada organizada polo centro con motivo do 8M e falou da importancia da educación como “primeira ferramenta para loitar contra as desigualdades e estereotipos”

A Alcaldesa, Lara Méndez, clausurou a xornada organizada polo CIFP As Mercedes con motivo do 8 de marzo, un acto organizado polo alumnado da FP de Marketing e Publicidade, ao que felicitou pola súa implicación e compromiso pola Igualdade, así como aos profesorado e á dirección do centro.
A rexedora, tras falar da importancia da educación “como primeira ferramenta que debemos utilizar para atallar as causas das desigualdades e romper cos estereotipos”, pediulles que estivesen alerta para non dar pasos atrás.
“Estamos a vivir tempos complicados para as mulleres porque cantas máis persoas estamos na rúa, homes e mulleres, determinados, non só a non dar un paso atrás senón a avanzar, máis estamos a ver como se organiza unha reacción que ataca as bases que converteron ao feminismo nun movemento transversal”, sostivo. Ademais, lembrou que “se están a desenvolver relatos falsos e ataques contra o feminismo. O feminismo que significa a loita en favor da igualdade, en favor sempre dos dereitos”.
Neste sentido, Méndez engadiu que “non nos podemos deixar enganar cos que intentan desnaturalizar o feminismo nunha loita de homes contra mulleres ou de mulleres entre si, porqué é falso. Non é unha loita en contra de, é en favor, en favor dunha sociedade xusta e igualitaria”.